quinta-feira, junho 06, 2013

osos e ursos

Oso ou urso? Cal destas formas sería galega correcta? Ben, se imos buscar ao dicionario da Real Academia Galega a voz urso este é o resultado: "este termo non se encontra no dicionario". Ora ben isto non significa que urso non poida ser considerada palabra galega.  Ou polo menos con "certo carácter galego". Digo isto porque nas enquisas do Atlas Linguístico Galego (en prep.) aparece urso na Baixa Limia e nalgún punto do sur de Pontevedra. 

Urso veu do portugués por vía popular? ou xa se produciu esa relatinización no galego medieval? A situación dos rexistros de urso, non lonxe de Portugal ou en zonas con emigracion histórica a terras lusas puidera ser indicativa da primeira hipótese. Descoñezo ademais a existencia de ursos medievais en textos galegos antigos, atopándose ossos, ossas e ussas no Dicionario de dicionarios do galego medieval,  formas que perviven na toponimia portuguesa.

 No texto sobre a distribución histórica do oso en Portugal de Francisco Álvares e José Domingues
(www.altotejo.org/acafa/docsn3/O_Urso_em_Portugal.pdf)  móstranse os indicios de presenza da especie e dita pervivencia nos nomes de lugar. Suxerentemente urso parece máis común no sur do país veciño e as citas de osso plausibles de pertencer a ursos son case fronteirizas ou norteñas en boa parte. Sería precisa, en calquera caso, unha análise máis detallada (www.igeoe.pt/igeoesig/).

É necesario anotar que un elemento que debeu precipitar o establecemento do nome urso é a equivalencia, polo menos no portugués estándar europeo, das pronuncias de osso (óso) e osso (urso).

Na toponimia galega, no entanto, só atopamos oso e osa no oriente, nos últimos redutos históricos da especie.

Na literatura en lingua galega moderna urso é unha denominación ben documentada e usada con algunha frecuencia. Ora ben, a forma popular nas zonas actuais de distribución da especie en Galicia é oso, da que dificilmente se pode probar a orixe foránea: é a voz común co asturleonés tradicional e continuadora do osso medieval.

3 comentários:

Anónimo disse...

Vaia, pois resólveche unha dúbida que tiven hai ben pouco! Recoñezo que escribín finalmente "urso" porque vin esta forma no dicionario portugués. Dame mais confianza que o dicionario da RAG. Ainda que polo que dis esta vez non está ben xusticado.

Saúdos

Ramón

Anónimo disse...

E o apelido Urseira, virá de urso?

branda disse...

Urseira pode vir de urce (uz) en zonas seseantes. Tamén hai topónimos Orseira que poden vir unha antiga Oriceira. Finalmente , menos probable, pode darse unha despalatización de Orxeira. Eu creo que ese urseira (se non é portugués, mesmo en portugués non vexo moita motivación para ese apelido se vén urso, non o creo). En galego desde logo con certeza que non