quarta-feira, dezembro 06, 2006

labiérnagos e adernos



Leo na interesante Guía das Árbores de Galicia, de H. Niño e C. Silvar (Ed. Bahía), o nome labiérnago para Phillyrea angustifolia. Esta especie é un arbusto típico da rexión mediterránea, presente en Galicia só nas partes do país máis secas no verán, como é a cunca do río Sil. O nome é idéntico ao castelán e o ditongo -ie- (só presente nos cultismos en galego) denota a orixe castelá desta palabra.
Mergullándonos no "Diccionario de diccionarios" (ILG-Fund. Barrié De la Maza) atopamos unha denominación autóctona, aderno, que recolle o lexicógrafo Padre Sarmiento alá por 1700 en Quiroga, ("creo que es la Phyllirea", dinos, e a describe un pouco). Tamén nos di que nas Ermidas e Valdeorras tería a variante laderno, ao que chama en castelán "lentisco").
A cousa tén o seu interese, porque estas formas derivan directamente do latín alaternus, e ademais coinciden coa forma portuguesa aderno, que en Portugal continental designa Phillyrea angustifolia (aderno-de-folhas-estreitas ou lentisco-bastardo), Phillyrea latifolia (aderno-de-folhas-largas), e Rhamnus alaternus (aderno-bravo ou bastardo).
En realidade a voz quiroguesa e portuguesa aderno aplícase en distintas partes do mundo a plantas diferentes. En Madeira, Canarias e Brasil aderno denomina a vexetais propios desas zonas.
....¿Que pinta Canarias aquí? Pois si, pinta moito, xa que a lingua popular canaria tén gran cantidade de portuguesismos, algúns deles, como vemos, comúns ao galego. Hoxe en día a construción e a pesca unen Galicia o o arquipélago, porén, no aspecto lingüístico esas conexións déronse a través de Portugal, e son bastante antigas, pola contribución de colonos portugueses ao poboamento europeo das illas.
Con certeza aderno, ha de ser voz viva aínda nos vales do Sil, e é recomendable para Phillyrea, sempre cun modificador, como pode ser aderno de folla estreita. Talvez haxa máis nomes populares da especie, pois é común neses vales orientais.

4 comentários:

Pablo Carballo Felpete disse...

Ola, antes de nada parabéns polo blog e a entrada en particular. Vivo en Viana do Bolo hai uns anos e perto de aquí queda un pobo chamado Lentellais que xa me dera algo que pensar. Localízase en pleno val do Bibei, xa con vexetación mediterránea. Pois ben, ollando a guía de árbores e arbustos de Castela e León atopo un nome para o "lentisco" castelán na zona do Bierzo: "lenteya". É bastante suxestivo, non? En dito libro non di nada do P. latifolia.
Un saúdo
Pablo, vogal do GN Hábitat

branda disse...

Grazas polo de "lenteya"..ben interesante.

pablo carballo felpete disse...

Inda hai máis. Acabo de coñecer a Gonzalo Navaza Blanco, que escribiu ademais de "Erros e Tánatos", o libro "Fitotoponimia". Aí apunta esa posibilidade, pero sen moita convición decántase polo cultivo de lentella. É máis, aos afeccionados á botánica danos máis argumentos, xa que cita dúas localidades máis chamadas Lentellás en San Xoan do Río, na Ribeira Sacra en pleno val do Sil. Curioso, non?

branda disse...

Moi interesante. Sería necesaria unha prospección e análise detallada. O que non sei é se se cultivan lentellas neses vales. No primeiro que pensaría con eses topónimos é na planta cultivada, pero o "lenteya" berciano é suxerente. En boa parte dos dicionarios galegos dos últimos séculos recóllese "lentisco", para o castelán "lentisco", planta que sería diferente do aderno.