domingo, novembro 26, 2006

caxigos, quejigos e cerquiños

Estes días puiden comprobar de qué sutil maneira o castelán exerce ás veces a súa influencia sobre os filólogos galegos, probablemente sen eles saberen. Trátase do caso do nome caxigo, supostamente sinónimo de quejigo (voz castelán para a especie de carballo Quercus faginea).
Na información que consultei do "Diccionario de dicionarios" ILG-Barrié De la Maza, nas localidades onde se rexistra caxigo, na maior parte, non existe Quercus faginea na flora local nin comarcal. Algunha das fontes dá caxigo como sinónimo de carballo cerqueiro ou cerquiño, nomes galegos de Quercus pyrenaica.
Penso que eses "caxigos" galegos son, esencialmente, Quercus pyrenaica, e non Q. faginea. Por outro lado, a voz quejigo en castelán popular aplícase a máis carballos do que Quercus faginea.
Pódese baixar de internet en pdf. "Nomenclatura popular de Quercus (Fagaceae) en los Valles Meridionales de Cantabria", de autor Manuel Pardo de Santayana (Real Jardín Botánico, Madrid). En galego caxigo tamén se emprega moi localmente para as pólas dos castañeiros, aínda que xeralmente penso que tén o significado cántabro, referido nese artigo, de cajigo/cajiga "robles jóvenes de porte arbustivo" (Quercus robur ou Quercus pyrenaica)

Como conclusión collemos un dicionario ou repertorio terminolóxico e vemos caxigo como galego para Quercus faginea (quejigo), mentres que quizais a algúns xa lles vai parecer incorrecto caxigo para Quercus pyrenaica (rebolo, carballo negral, cerquiño, cerqueiro), un dos carballos máis comúns en Galicia. Isto non ten correspondencia cos usos populares. senón que é resultado de favorecer a selección feita no castelán estándar.

1 comentário:

José Castro disse...

Olá, Som um afeiçoado à natureza e à cultura galega.
Brevemente comentar-che que na zona do Eume "caxigho" "caxigheira" é qualquer tipo de carvalho ou castinheiro que foi cortado polo pe e que redolha, as varas novas.
Sobre nomes dos carvalhos: para o Quercus pyrenaica conheço os de cerquinho e cerqueiro na zona occidental, na parte oriental rebolo.
O quercus faginea é mui escaso na Galiza, só o vim por Ourense, onde se associa coa magia, para ele o nome que conheço é o de carvalho virinho (Trives).
Felicitaçons pola página.
capeloso1@hotmail.com