domingo, agosto 22, 2010

aguias albelas e cobreiras

Circaetus gallicus é unha ave de rapina que frecuenta espazos abertos, onde acostuma cazar réptiles, de aí que un dos seus nomes galegos técnicos sexa aguia cobreira. Cobreira procede do portugués águia-cobreira. Pensamos que a voz portuguesa é adaptación do castelán águila culebrera, que á súa vez podería ser adaptación da variante inglesa snake eagle. Dicimos isto, porque Francisco Bernis, autor da lista española de nomes de aves, non cita águila culebrera como nome popular no seu libro de ornitónimos, senón outras como águila blanca e águila lagartera. Comenta Bernis que culebrera se rexistra en libros de caza, o que explica en certa maneira que en traballos sobre a fala da Galicia oriental se citen nomes como "culabrela", antes de realizarse a propia lista de Bernis. Talvez dos libros pasou á fala, o que é coherente con esta forma alterada, en condicións de alfabetización deficientes.
E aguia albela? Ben, a única referencia que atopamos no Dicionario de dicionarios é a voz albela, que rexistra o ilustrado Padre Sobreira, no séc. XVIII en Ribadavia, con esta descrición:
"es el milano de color pardo claro, tamaño como un gallo, y que concurre a donde lavan tripas. Parece ser el buzaco de este país y otros". É preciso comentar que buzaco é nome galego berciano de Buteo buteo, rexistrado polo Padre Sarmiento na mesma época (citado por F. Bernis). Non vemos pois que poida aplicarse a Circaetus gallicus, nin sequera nun exercicio de imaxinación. Esta voz recollida en Ribadavia pasou a varios dicionarios galegos posteriores, coa acepción esperada de "milano". Iso si, hai que recoñecer que lle acaería moi ben a Circaetus gallicus, pois albelo é alguén ou algo branco ou con pelo branco. Si, pero non. Eppur si muove.

1 comentário:

Xabier Prieto Espiñeira disse...

Pola miña banda sempre escollín a forma "Águia cobreira". Primeiro porque este nome describe unha característica única entre as rapaces europeas, como é a adaptación da súa fisonomía á caza de répteis (ofidios fundamentalmente). E penso que algo tan específico debe ser tido en conta á hora de determinar o seu nome vulgar. E segundo porque seguramente foi moi escasa no pasado por estas terras, e me custa imaxinar que estivera presente na fala local un vocablo alusivo a esta rapaz en concreto, coma ese de "albela".
Moi interesante o bloge, Miguel, e moi oportuno.
Unha aperta.