A gabita Haematopus ostralegus é unha ave Limícola frecuente en medios areosos e estuarinos galegos, en época de paso migratorio e invernal. A súa contrastada plumaxe branca e negra e o rechamante peteiro encarnado fan que sexa unha especie moi fácil de identificar. En Galicia ou nas súas proximidades cría na costa cantábrica, en segmentos litorais rochosos e pouco perturbados polo home . Eventualmente podería criar, de forma isolada, noutras comarcas costeiras do noroeste. No norte de Europa, non obstante, nidifica tamén terra adentro.
O ornitólogo inglés William Tait rexistrou a principios do séc. XX o nome "gavita" nas illas Sisargas. Hoxe é común velo escrito como gabita. O nome debe ser de orixe onomatopeica (a especie emite un "cavit, cavit" característico). A información de Tait é pois a razón de que gabita sexa a denominación habitual para a especie no galego escrito moderno.
É de resaltar que en enquisas recentes realizadas na Costa da Morte gabita é nome que algúns mariñeiros parecen aplicar ao xénero Sterna. Chama a atención que na recompilación coordenada polo filólogo Manuel Alvar sobre a fala dos mariñeiros ibéricos gavita aparece tamén no Sur de Portugal como nome dos Sterna. Tendo en conta a máis que probable orixe onomatopeica, e o feito de que esta última obra ten numerosos erros de identificación, pois non nos atrevemos a concluír demasiado. Aí fica a información, por se algún dos lectores pode dicir algo máis.
O nome castelán ostrero o o portugués ostraceiro son adaptacións do nome inglés ou o francés (oystercatcher, huîtrier). O nome inglés non é tampouco de orixe popular, senón unha creación cultista, se nos atemos ao que se nos di en Wikipedia (con data concreta de nacemento: 1731).
Un dos poucos nomes españois populares para o xénero Haematopus é lapero, das Illas Canarias. O hábito de comer moluscos non pasou tampouco desapercibido para os poboadores humanos do Noroeste. Na ría de Ribadeo coñécese o nome lampareiro (comedor de lámparas, ou sexa lapas). De aquí cara o leste úsanse varios nomes "molusquicidas", propios da Marina asturiana entre Eo e Navia, tales como llamparego ou bigareiro. Todo isto de acordo coa información xenerosamente fornecida por ornitólogos coñecedores da zona.
Quen sabe se non hai ningún outro nome usado para a especie en Galicia, vivo aínda no uso popular e sen recoller. Custa crer, desde logo que esta especie tan colorida sexa descoñecida por pescadores ou mariscadores.
3 comentários:
Miguel, no sé si te lo he comentado alguna vez, pero yo recogí "pillarote" para Haematopus, según marineros de Sada, y Alfredo Noval me comunicó que, a finales de la década de 1930, en Perillo-Santa Cristina (Oleiros se le llamaba "gaiteiro".
Formidable Jose. Tiña que haber algún! Gracias! Pois non, non tiña coñecemento. Paréceme interesante recoller ese patrimonio cultural, en vías de desaparición, en Galicia e en moitos lugares de Europa.
En Malpica, moi cerca da Pedra Queimada atópase a Pedra Gabita, no alto do monte que rodea á vila polo sur. Estas foron pedras 'senlleiras' usadas polos mariñeiros como marcas dos 'mares' (baixos, mallas, cabezos, meixóns, olgas,...) próximos a este porto.
Enviar um comentário