quarta-feira, setembro 01, 2010

grallas e choias

Corvus monedula e Pyrrhocorax pyrrhocorax son dous córvidos igualmente negros pero de aparencia diferente. O primeiro ten a caluga cincenta e pequeno tamaño, mentres o segundo mostra un longo bico vermello en case todas as etapas da vida (alaranxado cando novos).

Ambas as especies teñen, porén, un trazo común: unhas sonoras voces similares a un brusco "choahh", "chiahh" ou "chiakk". Non debe estrañar que popularmente intercambien nomes. Nas Arribas do Douro, segundo un artigo aparecido na revista portuguesa A Pardela, da Sociedade Portuguesa para o Estudo das Aves, Pyrrhocorax é coñecida por tchóia. No Bierzo, El Páramo Leonés, La Maragatería e A Cabreira (León) choya é nome para Corvus monedula, de acordo co estudio La graja en la provincia de León, do grupo GIA-León.

En Galicia tense rexistrado choia para as dúas especies, pero é indiscutible que no oriente galego (Courel, Macizo Central) pode verse toponimia referida a esta forma en áreas típicas de Pyrrhocorax (Cova das Choias, etc.).Unha outra denominación para esta ave é gralla, que teño oído na Costa da Morte (Muxía) e que coincide co nome estándar portugués. No galego preferiuse desde hai xa algún tempo o uso de choia, que permite individualizar o xénero Pyrrhocorax e separalo das outras grallas.
Dito todo o anterior o único nome popular que coñezo para Corvus monedula en Galicia é choíña. Aparece citada na provincia de Ourense no Dicionario de dicionarios, do ILG-Fundación Barrié de la Maza (recompilación de Antón Santamarina).
Na linguaxe culta en galego úsanse gralla pequena e gralla cereixeira. Da segunda descoñezo por completo a orixe, só sabendo que cereixeiro é aplicado en ocasións a Oriolus oriolus, fantástica ave colorida tamén chamada vichelocrego ou ouriolo.
Gralla pequena é unha creación recente, creo que ben descritiva da especie, e en certo modo "tradución" do castelán grajilla. En Portugal chámase gralha-de-nuca-cinzenta. En español Corvus monedula tamén foi coñecida como chova (en todo caso esta última voz triunfou para denominar Pyrrhocorax). Outro nome español para Corvus monedula é grajeta, que aparece en obras do egrexio escritor Miguel Delibes, falecido este ano 2010.

5 comentários:

Biopolitical disse...

Yo sé de una persona que llamaba "choa" a Corvus monedula en O Barco de Valdeorras en los años setenta.

branda disse...

Pois é do máis curioso que o Atlas Lingüistico galego (en prep.) indique claramente "choia" como nome en Rubiá para Pyrrhocorax. Vaia remexido, que dirían na miña terra

José A. de Souza disse...

Miguel, "gralla" es (o más bien era) el nombre que le dan en Malpica a Corvus monedula, sin duda alguna, mientras que "choia" se reserva para Pyrrhocorax. Recogí estos nombres por primera vez en 1974, en conversaciones con marineros. Y digo "más bien era" porque, como sabréis, la especie desapareció de Sisargas hace años.

branda disse...

Fantastico José, O Atlas Lingüístico Galego (en prep.) tamén recolle gralla para "grajilla" en Malpica. En Fisterra e Muxía tamén se rexistra "gralla", creo que para Pyrrhocorax (a mim polo menos me comentaron que tiña "peteiro rojo"). Un nome claro para esta especie en Elviña (A Coruña) é "chaira", recollida no lugar polos enquisadores do Atlas ("máis pequena có corvo, pero de pico rosado"). Graciñas

José A. de Souza disse...

El nombre "chaira" me recuerda de algún modo a "chaiva" (y "chaia"), el vernáculo para Pyrrhocorax en el área de Estaca de Bares.