sábado, outubro 28, 2006

cimbros e xenebros

O Juniperus communis é un pequeno arbusto da familia dos alciprestes, que habita de forma natural en Galicia só nos máis altos cumes das serras orientais. Os seus froitos son empregados para a elaboración da bebida chamada xenebra. A Real Academia Galega recomenda nun dicionario xenebro e xenebreiro para a árbore (Dic. castelán-galego Barrie De la Maza), mentres ca no Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (2004), base das súas obras lexicográficas , só se recolle cimbro (anotado como Juniperus).

Cal das dúas formas sería preferible?

Vexamos os pros e contras:

A voz xenebro non tén case uso para denominar a árbore. Non é esperable en galego, por manter -n- intervocálico (castelán de Álava ginebro, aragonés chinebro), nin se rexistra popularmente en Galicia.

Xenebreiro pode considerarse un neoloxismo culto, a partir do nome da bebida, xenebra, do fr. antigo genèvre (port. genebra, cast. ginebra). É a forma máis usada nos textos actuais galegos...e se rexistra como variante de uso menor en Portugal (genebreiro).

Cimbro ofrécenos, etimoloxicamente, unha evolución curiosa, a partir do esperable ximbro, do que non sabemos do seu uso popular nin literario. Jimbro é forma antiga ou dialectal en port. e castelán (Dic. Crítico Etimológico Castellano e Hispánico de Corominas). Segundo a información de internet, jimbro é voz das falas leonesas e castelán-leonesas das Arribas do Douro e Zamora, para o xénero. Xa nun glosario latino-arábigo do S. XI se rexistrou a mudanza de j a z, coa forma zimbrus, de acordo co Dic. de Corominas, que tamén nos di que Miguel de Unamuno citou jimbre en Salamanca. Hoxe zimbro é a forma máis frecuente en portugués.

Cimbro para Juniperus só a rexistramos recentemente en galego nalgúns textos técnicos (guías e folletos).

Un punto ao favor de cimbro é a afinidade co uso portugués, pola contra, unha obxección é que no galego existe tamén esta palabra co significado de "cume" ou "cúspide", podendo dar lugar a confusións,

Así, vemos esta tradución do texto latino Quinto Horacio Flacco. Canciós. Libro I (por Aquilino Iglesia Alvariño, alá por 1951)

"Din cabo a un monumento máis perene que o bronce e máis outo que os cimbros dos panteós dos reises, que no o poida arrasar nin o luír da chuva; ni'as gadoupas do vento desvairado; ni'a longa catropea dos anos que non poden contar-se; ni'os pasos solermiños e lixeiros do tempo"

Non puidemos atopar aínda referencias de nomes populares nas terras orientais de Trevinca ou Porto (Zamora), pero sería raro que non existiran, dada a secular cultura pastoril da zonas altas....seguiremos buscando, pois, o nome tradicional do Juniperus.

4 comentários:

Ismael disse...

A forma Cimbru a tenhu reculhia no Val de Xálima

Miguel disse...

Pois bem, a voz genebro existe na fala! Este verão passado tivem que andar pola Pena Trevinca. Esses dias, o velho renault 19 falhou e houve que procurar um talher eléctrico na zona. Rematamos em Camponaraia. Um dos operários era de Carvalheda de Val d'Eorras e depois de latricar um bom rato com ele contou-nos as muitas vezes que tinha subido de moço à Pena Trevinca, a apanhar a GENÇÃ (Gentiana lutea) e o GENEBRO (com um "o" final fechadíssimo que custava distinguir de genebru)

Anónimo disse...

Fascinante..obrigado! O blog estará parado por algún tempo, pero espero retomalo..

branda disse...

Ola Miguel de novo,

A voz XENEBRU, co o moi fechado suxire un leonesismo.

Saúdos