quarta-feira, outubro 25, 2006

Rupicapra

Rupicapra rupicapra é o nome científico do rebezo, un mamífero parecido a unha cabra ou antílope, que aínda mora nos cumes dos Montes Cantábricos, onde chega a ser común en certas zonas. En galego tense usado con certa frecuencia a voz rebeco nos textos modernos, aínda que a Real Academia Galega recomenda REBEZO. Segundo o "Diccionario General de la Lengua Asturiana", de Xosé Lluís García Arias, rebezu é voz tamén empregada en terras leonesas próximas, concretamente en Laciana e Palacios del Sil. Con respecto á forma usada en Portugal, camurça, emparentada co castelán gamuza, non sabemos do seu uso popular en Galicia, aínda que si aparece en diccionarios históricos dos séculos pasados.


Isto é o que nos di Ánxel Fole, en 1953 en "Á lus do candil. Contos a carón do lume":

"vense os montes máis outos da Serra: O Piapáxaro, Lucenza, Montouto, o monte da Golada. Os seus cumios están cubertos de neve hastra o verao. Nos días sereos do inverno e da primavera, relocen coma si foran de azucre. Según os vellos máis vellos, fai moitos anos nas devesas había osos e cervos, e nos cumiales muitos rebezos. Mais aínda se atopan corzos e xabarís. E tamén moitas perdices, lebres e coellos. "

Ou o "Diccionario castellano-gallego" de Marcial Valladares, en 1884:

na voz GAMUZA: "(...)Rebezo o Rebeco; (...)Encuéntrase en las altas montañas, hasta en las nieves perpétuas, y forma pequeños rebaños en los Pirineos, montañas de Santander, Leon, Asturias y sierra del Caurel, en Galicia. Las Gamuzas no viven contentas sino sobre las rocas y entre los precipicios donde se puedan poner al abrigo de los rayos del sol. (...). Trepan con agilidad sorprendente, saltan de risco en risco y, cuando corren, parece mas bien que escapan."

Tendo en conta a súa base popular e literaria, reflexo dunha antiga distribución histórica, rebezo parece a forma máis recomendable en lingua galega. Sen obstáculo para que os dicionarios actuais recuperen outras formas literarias comúns ao ámbito lusófono, como camurza.

1 comentário:

Xavier Queipo disse...

Este é un comentario xenérico. A idea do blog paréceme moi boa. Aemais ilustrala con comentarios literarios e lexicográficos axuda a amenizar un terreo sempre tan árido como o da terminoloxía. Xa está incluído nos meus "favoritos". Saúdos
Xavier Queipo