domingo, abril 08, 2007

Narcissus

Abril é o mes dos narcisos. Unha boa parte das especies galegas están en plena floración. Segundo o Catálogo da Flora Vascular Galega , de E. Nino, E. Losada e J. Castro, habería unhas 9 especies do xénero con presenza confirmada en Galiza.
O nome xeral para todas elas, é sen dúbida o latinismo narciso (como en portugués -narcisso- e castelán narciso). A súa orixe está nun personaxe mitolóxico, e de acordo co dicionario da RAE un narciso é un "hombre que cuida demasiado de su adorno y compostura, o se precia de galán y hermoso, como enamorado de sí mismo". A motivación do nome destas plantas está pois, na beleza das súas flores.
Existen, porén, algúns nomes de orixe popular. Vexamos algúns.
Motivado na cor dalgunhas das especies, coñécese no centro de Galicia, polo menos, a voz amarelle, que se podería empregar sobre todo para Narcissus bulbocodium, unha das especies máis comúns. Outro nome que recollemos da bibliografía é campaíña, que foi citado polo coñecido crego e botánico Padre Sarmiento e por varios dicionarios. Aos narcisos grandes, cultivados, tamén se lle chama Flor de S. Xosé, de aí que pase a denominar tamén o conxénere silvestre de gran tamaño Narcissus pseudonarcissus. Sobre afroixón, outro nome citado na bibliografía, non temos datos e descoñecemos se aínda hoxe é forma aplicada aos narcisos e concretamente ao narciso de Asturias Narcissus asturiensis, que se distribúe en Galiza sobre todo polo norte e zonas montañosas da Comunidade e que aparece na fotografía. Algún dos lectores tén algunha información sobre o uso popular de afroixón?

3 comentários:

Anónimo disse...

Ola de novo. Tes un erro de distribución para o N. asturiensis, pois é un endemismo noroccidental e chega incluso a Portugal. Por aquí -Invernadeiro e Trevinca- hai moito a alturas bastante superiores a mil msnm. Sen embargo inda que preguntei a algúns paisanos, non distinguen esa especie en particular. Seguiremos dándolle-la lata.
Saúdos

branda disse...

Moitas grazas! Máis que nada foi un problema de redacción. Referíame á súa distribución en Galiza, que é máis ben "norteña", (sensu latu, se consideramos de características "norteñas" as "illas" montañosas do macizo Central). Narcissus asturiensis efectivamente é especie propia do NW ibérico. Descoñecía que estivera presente en Portugal. No SW coruñés por exemplo a súa distribución é característicamente "norteña", evitando zonas termófilas. Un saúdo

branda disse...

Xa corrixín, pois a redacción. Agradezo moito os comentarios. Graciñas