segunda-feira, outubro 30, 2006

Herpestes ichneumon

Este mamífero vivérrido é común na metade S da Península Ibérica e en toda África. Xa que non se encontraron restos fósiles até o momento, pénsase que puido ser introducido polos árabes. No Vocabulario das Ciencias Naturais (A. Sanjuán, M. A. Fernández, M. P. Jiménez, P. Brañas, Ed. Xunta de Galicia, 1991) denominano mangosta (cfr. ingl. Egyptian mongoose, fr. mangouste, port. mangusto). A forma rexístrase en galego xa en 1937, na obra "O idioma dos animás (opúscaro de enxebreza)" de Fuco Gómez...impresa en Cuba!

"mangostas, toiróns e outras alimarías andan a pesca de gazapos, de porcos d'Indias"

Creo que sería necesario un adxectivo, pois hai diferentes especies do xénero Herpestes. En catalán úsase mangosta africana. En Portugal mangusto e manguço son nomes xerais, pero para Herpestes ichneumon é común hoxe saca-rabos. Curiosamente esta forma case coincide co nome para a xeneta de moitos lugares de Ourense, rabisaco.

"Disparamos-lles un par de veces ós pombos, inutilmente, e vimos un rabisaco insolente que non nos interesou. Baixamos da lomba cara a un río, atravesámo-lo nun vao, non sen caer e mollar-nos"

Morning Star (Miranda, Xosé, Ed.Xerais, Vigo, 1998)

Herpestes ichneumon puido estar presente en Galicia hai algún tempo como se suxire no "Atlas de los Mamíferos Terrestres de España", sería algunha vez chamado rabisaco?

Sacarrabos é continuadora dos usos galegos e é popular no S de Portugal. Sen obstáculo para que denominemos mangosta en xeral a todas as especies similares.

A curiosa ruta da mangosta: do marathi, lingua da India, ao ingl. ou francés (mongoose, mangouste). Se cadra primeiro directamente ao portugués. Do francés ao castelán. Do castelán..ao galego literario moderno.

1 comentário:

Anónimo disse...

Olá!, son Xosé Ramón de Verín.

Pola comarca de Monterrei hai localidades onde se lle dá o nome de Rebisaco a Genetta genetta.

Nos sur do concello de Vilardevós, pola zona de Soutocobo e Terroso hai un regueiro que entra en Portugal entre Sao-Vicente e Aveleda, da câmara municipal de Chaves, que leva a designación de Rio Mousse.

Saúdos, interesante blogue, parabéns