quinta-feira, maio 10, 2007

cirrios e vencellos

Nos ceos das cidades e vilas de Galicia, especialmente entre maio e agosto é común escoitar o "srrríii srrríi" característico dos cirrios ou vencellos. Pasan moito tempo voando e só precisan as súas extremidades para pousarse en paredes verticais ou apoiar o seu corpo nos buratos onde crían. A súa silueta con finas alas curvadas e o seu voo en grupos ruidosos é un indicio inequívoco do verán. Nos textos galegos recentes había certa tradición de chamalos vencellos. Este nome debe de ser o máis común popularmente en Galicia (ás veces como vencexo). Porén, a RAG considera que estas voces son de orixe castelá, e dá preferencia a outros vernáculos, como a voz cirrio, de clara motivación onomatopeica.
A forma popular máis difundida, despois de vencello, é probablemente cirrio: óese na comarca do Ribeiro, en Rubiá, Becerreá e no Bierzo galegófono, polo menos. En ocasións aparecen variantes como irrio ou birrio, cirnio e guizguirrio (Xurés) e zilro (no veciño P. N. Peneda-Gerês). Na Limia coñécense tamén aos cirrios como xirotos e birlos. Estes nomes tomeinos maiormente da obra "Diccionario de diccionarios", publicada polo ILG-F. Barrié de la Maza, onde aparecen outros, como andurón ou avión, sen localización xeográfica. Pedreiro parece ser tamén outro nome dos cirrios, lembrando unha profesión tradicional en Galicia.

3 comentários:

Cosme Damian Romai Cousido disse...

Saúdos de novo Miguel!

Vernáculo de Porto Meloxo (Ogrobe): assessino (literal).

Vernáculo de Dena (Meanho): rondalha.

Apertas,
Damián

el yepa disse...

Hola Miguel:

Buscando por internet sobre la palabra cirrio, resulta que en Castilla llaman cirrio al hollín de las chimeneas, por lo que me resulta más lógica esa etimología que el que sea un nombre onomatopéyico.

Saludines del Yepaaaaaaaaaaaaaaa

branda disse...

Ola Yepa!

Non o creo El Yepa. Variantes onomatopeicas atópanse rexistradas en varios puntos de Galicia, sen conexión coa borra ou feluxe das chemineas. Exemplos son guzguirrio (Lobios)e birrio (varios puntos do sur). No norte de Portugal tamén zilro para Apus apus.

¡Saludos!