terça-feira, maio 15, 2007

pegas marzas e gaios

Garrulus glandarius é o córvido que mellor representa os ecosistemas forestais galegos. Omnívoro, oportunista, esperto, gregario, ruidoso...o seu grasnar non nos pasará desapercibido en calquera bosque. É, por tanto, unha especie ben coñecida popularmente.

Gaio é un dos nomes máis difundidos na fala, especialmente no oriente e sur do país, tendo tamén uso literario. É voz patrimonial , derivada do nome propio latino Gaius...para facernos á idea, un tal "Pepe" da época. Gaio é, por outra parte, unha denominación común co portugués e tén a mesma orixe ca o fr. Geai e o ing. Jay.

No O, N e centro de Galicia, porén, son frecuentes as voces derivadas de pega: pega marxa, pega rebuldán e pega rebordá, mentres ca no SE é habitual pigarro. Nalgún lugar pega marxa deriva a pega mansa, pero de mansas non teñen nada....Na lingua escrita vése tamén moi frecuentemente a variante pega marza, que parece realización ceceante de pega marxa.

Marxa quere dicir "pinta" ou "mancha", por tanto, pega marxa é "unha pega con pintas", facendo referencia ás rechamantes plumas azuis e negras da ala. Andando polas fragas atoparemos algunhas destas belas plumas, cun pouco de sorte e algúns paseos.

3 comentários:

Anónimo disse...

O primeiro, grazas por ofrecer este blog ao mundo; moi interesante. No tocante a esta ave, comentar que nas Encrobas, concello de Cerceda, coñécese como pega marza na fala habitual.
Saúdos.

Anónimo disse...

Non sabía do teu blog e estou encantado. Na zona de Ortegal (San Adrián ou Devesos,Ortigueira) coñécese o G.glandarius como Pega da fraga.

Saúdos

David Martínez Lago

Anónimo disse...

ESTUPENDA INICIATIVA A DO BLOG MIGUEL! É UN GUSTAZO SEGUIR ESTE TRABALLO, E ESPERO QUE SE ANIME A XENTE A TRASLADAR AQUÍ AS SUAS RECOLLIDAS DE NOMES POPULARES ANTES DE QUE ESMOREZAN. PARA A PEGA MARZA ESCOITEI VARIAS VECES NA ZONA DE GUITIRIZ O NOME DE 'PLANTADORA' DE BOCA DE GANDEIROS E CAZADORES. PENSO QUE A QUEN OBSERVASE AS SUAS PAPAROTAS DE FROITA NON HAI MOITO MÁIS Q EXPLICAR...
María