terça-feira, maio 08, 2007

fragas e fragas


Se a algún dos lectores se lle pregunta que é unha fraga en galego, con certeza a maior parte contestará "bosque mixto, conxunto de árbores diversas, especialmente caducifolias". Este é o significado predominante no galego actual, pero non debemos de esquecer que na Galiza oriental fraga denomina un "conxunto de penedos". Este significado parece ser o máis antigo en galego, de acordo cos etimoloxistas, e está relacionado con palabras comúns como fragoso "abondoso en penedos, quebras e desniveis pronunciados, polo que o paso é difícil".

A denominación do oriente é similar ao portugués actual fraga, que designa tamén un conxunto de rochas. No galego zamorano de Lubián, por exemplo, atopamos un topónimo como Fraga da Osa, que deberá ser, probablemente, un barranco onde habitaban estes plantígrados en tempos pasados e non un bosque.
Fraga, como bosque, é un uso característico das provincias de Lugo e Coruña, que pola maior importancia demográfica do occidente e a boa representación de escritores desa zona, pasou a ser unha forma do galego común.

3 comentários:

Anónimo disse...

Tamén por Entrecinsa (Vilariño de Conso) hai unha zona de cume chamada Fraga do Oso, bastante perto dunha abellariza (a menos dun km), polo que a hipótese que lanzas encaixa tamén aquí. Por aquí si empregan esa palabra co mesmo significado, inda que poucos, tamén a xente miúda.
Pablo Carballo

branda disse...

Teño observado tamén en Valdeorras que os escolares locais acostuman asociar as fragas aos penedos, especialmente aqueles con mellor uso oral do galego

Un saúdo

Anónimo disse...

Na zona sul-oriental, Gudinha, A Mezquita,chamam-lhe fraga a qualquera penedo baixo que sobressae pouco do relevo, ou seja um caminho pode passar por riba dumha fraga.
Saúdos.
Capeloso.