quarta-feira, novembro 15, 2006

relas e estrozas


Hyla arborea é unha ra común nas zonas palustres e encharcadas de Galicia. Infelizmente, moitas delas están suxeitas a diversas ameazas (aterros, contaminación, abandono gandeiro..) que fan que moitas destas zonas teñan desaparecido, e con elas os animais acompañantes, como os anfibios. Na recomendable "Guía dos Anfibios e Réptiles de Galicia", de P. Galán, Ed. Xerais, aparece o nome estroza para esta ra.

Hai algún tempo fixemos unha lista de nomes de anfibios e réptiles e excluímos este nome por non ter datos sobre el. Hoxe podo dicir que estroza é forma viva, polo menos en Bergantiños e aparece citada nada menos que polo egrexio escritor E. Pondal no "Diccionario de Diccionarios"(ILG-Fund. Barrié De la Maza). Vén tamén aplicada á "ra arbórea" en dicionarios antigos. Non hai razón, pois para proscribila en galego. O seu orixe pode estar no verbo estrozar (estragar), pois segundo crenza popular ao comela as vacas accidentalmente, estas inchaban a barriga e morrían.

Sobre rela, que nos propuxemos para Hyla arborea por coincidir co portugués (de ra-ela, ra pequena) , obtivemos referencias cruzadas de usos tanto para insectos como para algún posible anfibio, que ao ser tragados facían mal ás vacas. Porén, sería preciso un estudo para esclarecer o significado en distintas partes en Galicia da voz rela. Sabemos que rela emprégase tamén para "couza", "traza" (insecto que roe a madeira). Unha voz similar, ralo, aplícase ao insecto Gryllotalpa.

As veces habituámonos a usar formas (eu acostumo usar rela) , moitas veces por unha cuestión de gusto, ou neste caso por exemplo, tamén por dispor dunha determinada información no momento. Enfín...que convivan relas e estrozas. Por certo, a estroza é un precioso anfibio pequeniño, de cor verde, totalmente inofensivo para os humanos.


Humm, e a rela este texto, será unha ra?

"¿Vé-lo con cara de rela, brinca que te brincarás sempre nas rúas da aldea? ¡Non ten nai! ¿Vé-lo, seu traxe en anacos, cos outros cal el andar un día e outro a larpazos? ¡Non ten nai! ¿Vé-lo, sin ir nunca á escola, feito eterno nugallau, que sólo pensa en camorras? ¡Non ten nai! ¿Vé-lo, cos probes metendo÷se, tirando pedras ós cans, roubando a froita nos eidos?"

Fr. Samuel Elján (1913). Mágoas. Versos gallegos. El Eco Franciscano. Santiago.


1 comentário:

Anónimo disse...

Olá!
Nunha aldea da comarca de Monterrei - Verín cheguei a ouvirlle a un veciño a designación de 'Marza' facendo referencia á Sp. Hyla arborea, seguramente facendo referencia aos concertos deste anfibio na primavera
"se en marzo canta a ra en maio xa calará" (dito popular)
Cumprimentos