O miñato (Buteo buteo) é unha das aves de rapina máis comúns en Galicia. Adáptase bastante ben á presenza humana e gosta de mosaicos agrícolas xunto a bosques, o que explica esta abundancia. O nome máis frecuente nas falas galegas é miñato, que se corresponde tamén cun importante uso literario.
Cara o suroeste de Galicia esta voz dá paso a miñoto, que se usa, ou debeu de usar tamén, no Norte de Portugal para esta ave, xa que podemos atopar topónimos como Minhoteiras en varios lugares do Minho e Douro Litoral. Na provincia de Ourense úsase mioto, no sur de Lugo miato e na franxa máis norteña de Galicia xorden outros nomes que dan variedade ás denominacións desta especie en terras galegas, como por exemplo buxato e bexato, formas bastante difundidas no Norte da Coruña e Lugo. Outras voces utilizadas no Norte lugués e na Asturias de fala galega son miango, milango, bexato, lamego, lamagueiro e creo que lamote (asociado nalgúns dicionarios ao lagarteiro, unha rapaz de menor tamaño). Outros nomes rexistrados en Galicia para a especie son gueimoto, buzaco, biñoto, bellanco, milán, meñanco e acieiro. Eventualmente tamén pode usarse a voz castelá rapiña ou ave de rapiña (por rapina, ave de rapina).
Na lingua escrita, porén, domina con claridade a voz miñato, xa desde o sec. XIX. Todos estes datos proceden de información inédita de Atlas Lingüístico Galego (en preparación), do Tesouro Informatizado da Lingua Galega e do Dicionario de dicionarios, magna obra esta última que pode consultarse on-line, ao igual có Tesouro. Nós quixemos simplemente resumir e facer máis visibles estes datos.