quarta-feira, dezembro 06, 2006

labiérnagos e adernos



Leo na interesante Guía das Árbores de Galicia, de H. Niño e C. Silvar (Ed. Bahía), o nome labiérnago para Phillyrea angustifolia. Esta especie é un arbusto típico da rexión mediterránea, presente en Galicia só nas partes do país máis secas no verán, como é a cunca do río Sil. O nome é idéntico ao castelán e o ditongo -ie- (só presente nos cultismos en galego) denota a orixe castelá desta palabra.
Mergullándonos no "Diccionario de diccionarios" (ILG-Fund. Barrié De la Maza) atopamos unha denominación autóctona, aderno, que recolle o lexicógrafo Padre Sarmiento alá por 1700 en Quiroga, ("creo que es la Phyllirea", dinos, e a describe un pouco). Tamén nos di que nas Ermidas e Valdeorras tería a variante laderno, ao que chama en castelán "lentisco").
A cousa tén o seu interese, porque estas formas derivan directamente do latín alaternus, e ademais coinciden coa forma portuguesa aderno, que en Portugal continental designa Phillyrea angustifolia (aderno-de-folhas-estreitas ou lentisco-bastardo), Phillyrea latifolia (aderno-de-folhas-largas), e Rhamnus alaternus (aderno-bravo ou bastardo).
En realidade a voz quiroguesa e portuguesa aderno aplícase en distintas partes do mundo a plantas diferentes. En Madeira, Canarias e Brasil aderno denomina a vexetais propios desas zonas.
....¿Que pinta Canarias aquí? Pois si, pinta moito, xa que a lingua popular canaria tén gran cantidade de portuguesismos, algúns deles, como vemos, comúns ao galego. Hoxe en día a construción e a pesca unen Galicia o o arquipélago, porén, no aspecto lingüístico esas conexións déronse a través de Portugal, e son bastante antigas, pola contribución de colonos portugueses ao poboamento europeo das illas.
Con certeza aderno, ha de ser voz viva aínda nos vales do Sil, e é recomendable para Phillyrea, sempre cun modificador, como pode ser aderno de folla estreita. Talvez haxa máis nomes populares da especie, pois é común neses vales orientais.

domingo, novembro 26, 2006

caxigos, quejigos e cerquiños

Estes días puiden comprobar de qué sutil maneira o castelán exerce ás veces a súa influencia sobre os filólogos galegos, probablemente sen eles saberen. Trátase do caso do nome caxigo, supostamente sinónimo de quejigo (voz castelán para a especie de carballo Quercus faginea).
Na información que consultei do "Diccionario de dicionarios" ILG-Barrié De la Maza, nas localidades onde se rexistra caxigo, na maior parte, non existe Quercus faginea na flora local nin comarcal. Algunha das fontes dá caxigo como sinónimo de carballo cerqueiro ou cerquiño, nomes galegos de Quercus pyrenaica.
Penso que eses "caxigos" galegos son, esencialmente, Quercus pyrenaica, e non Q. faginea. Por outro lado, a voz quejigo en castelán popular aplícase a máis carballos do que Quercus faginea.
Pódese baixar de internet en pdf. "Nomenclatura popular de Quercus (Fagaceae) en los Valles Meridionales de Cantabria", de autor Manuel Pardo de Santayana (Real Jardín Botánico, Madrid). En galego caxigo tamén se emprega moi localmente para as pólas dos castañeiros, aínda que xeralmente penso que tén o significado cántabro, referido nese artigo, de cajigo/cajiga "robles jóvenes de porte arbustivo" (Quercus robur ou Quercus pyrenaica)

Como conclusión collemos un dicionario ou repertorio terminolóxico e vemos caxigo como galego para Quercus faginea (quejigo), mentres que quizais a algúns xa lles vai parecer incorrecto caxigo para Quercus pyrenaica (rebolo, carballo negral, cerquiño, cerqueiro), un dos carballos máis comúns en Galicia. Isto non ten correspondencia cos usos populares. senón que é resultado de favorecer a selección feita no castelán estándar.

úbalos

Retomamos pois a anterior entrada sobre úbalos e pincaouros. A voz úbalo foi proposta por min para denominar Carduelis spinus, nunha lista de nomes de aves ibéricas. Pincaouro non me gustaba, porque, en primeiro lugar, un encontro vocálico aou é pouco habitual en galego, e, por outra parte, porque parecía designar diversas especies similares.

Esta última obxección é de carácter menor, pois o desprazamento de significado nos textos técnicos é relativamente habitual nas linguas, e, por outra banda, os usos populares tenden a estar menos definidos. Un exemplo é a denominación terrera en lingua castelá, para o xénero Calandrella. Francisco Bernis, autor da lista de aves en castelán, recolleuna tanto para a laverca Alauda arvensis, como para a Calandrella, pero sobre todo para a primeira. Na súa listaxe reservou, porén, terrera para Calandrella.

Ora ben, nós sabiamos que algúns paxareiros galegos empregaban a voz úbalo, que tamén é moi popular en Asturias e Zamora, como despois puidemos comprobar. Úbalo pertence á familia do castelán lúgano e de toda unha serie de nomes europeos similares.

Popularmente coñécense no ámbito do español as variantes lúgaro, lúbano, lúcano e úbano. A estándar lúgano tamén se rexistra na fala popular nalgúns puntos de Galicia, sen dúbida chegada directamente do castelán moderno. Estas denominacións están emparentadas cunha boa serie de formas románicas, das que se descoñece a orixe: lluer (cat.), llucaret (cat.), lucarino, lucherino (it.), lugre (port.), lúgano , lugarin (alto-italiano), lugarin (veneciano), lujarin (friulano), etc..

No momento da elaboración da nosa lista pensamos na forma lugre, do portugués actual, que designa tamén en galego, portugués e castelán un tipo de barco. A voz lugre para o paxaro nunca se empregara en galego, polo que non resultou ser ao final a nosa escolla.

En galego tamén sabemos do uso das formas lúgaro e lúbaro, en textos do ensaísta de artigos de natureza E. Fernández De la Cigoña, das que descoñecemos a fonte.

Sen dúbida, con frecuencia a selección do léxico é unha cuestión - en ocasións- de gusto persoal, e algúns poderán soster, con razón, que a palabra úbalo non tén unha morfoloxía moi galega.

A RAG parece ter expresado o seu punto de vista, preferenciando pincaouro.

segunda-feira, novembro 20, 2006

úbalos e pincaouros

Úbalo e pincaouro son dous nomes que denominan hoxe o Carduelis spinus, un belo paxariño granívoro, da familia do xílgaro e do canario. É moi abundante en inverno, vése con frecuencia na beira dos ríos de Galicia, alimentándose das "piñas" dos amieiros. Como ave norteña que é, só permanecen a criar algúns, de forma irregular, en piñeirais serráns de Galicia ou nalgunhas montañas frías, mentres que a maior parte volve ao centro e N de Europa na primavera.
Pincaouro é a forma que dá como preferente a Real Academia Galega...supoñemos!.. pois o gran dicionario normativo oficial está por facer ! (só se fixo un pequeno dicionario hai uns anos). A voz vén no dicionario galego-castelán RAG-Barrié De la Maza, para traducir o castelán lúgano. Tomando un dicionario de común uso, como o Dicionario Xerais da Lingua, non vén forma algunha para este paxaro, como tampouco vén na versión de 2004 do Vocabulario Ortográfico da Lingua, da RAG.
Curiosamente a "Real Academia de la Lengua Española" só admite lugano, en troca da forma esdrúxula hoxe dominante neste idioma.
Pincaouro procede de pinca (=penca, pinta) e ouro, seguramente polas belas cores amareladas na cola e cabeza, especialmente dos machos. Úsase popularmente en Galicia no NW da provincia da Coruña, polo menos, aínda que os autores que o recolleron (filólogos e algún ornitólogo) adscribírono tamén a aves semellantes, como o verderolo ou o xílgaro (ambos os dous con PINTAS DE OURO). Na guía das aves de Galicia, de X. R. Penas Patiño e C. Pedreira, Ed. Bahía, de 1990, vén pincaouro, que é con certeza, a fonte do dicionario castelán-galego anteriormente citado. Outro día falaremos da voz úbalo, proposta por nós, e doutros nomes populares citados en Galicia para a especie.

quarta-feira, novembro 15, 2006

relas e estrozas


Hyla arborea é unha ra común nas zonas palustres e encharcadas de Galicia. Infelizmente, moitas delas están suxeitas a diversas ameazas (aterros, contaminación, abandono gandeiro..) que fan que moitas destas zonas teñan desaparecido, e con elas os animais acompañantes, como os anfibios. Na recomendable "Guía dos Anfibios e Réptiles de Galicia", de P. Galán, Ed. Xerais, aparece o nome estroza para esta ra.

Hai algún tempo fixemos unha lista de nomes de anfibios e réptiles e excluímos este nome por non ter datos sobre el. Hoxe podo dicir que estroza é forma viva, polo menos en Bergantiños e aparece citada nada menos que polo egrexio escritor E. Pondal no "Diccionario de Diccionarios"(ILG-Fund. Barrié De la Maza). Vén tamén aplicada á "ra arbórea" en dicionarios antigos. Non hai razón, pois para proscribila en galego. O seu orixe pode estar no verbo estrozar (estragar), pois segundo crenza popular ao comela as vacas accidentalmente, estas inchaban a barriga e morrían.

Sobre rela, que nos propuxemos para Hyla arborea por coincidir co portugués (de ra-ela, ra pequena) , obtivemos referencias cruzadas de usos tanto para insectos como para algún posible anfibio, que ao ser tragados facían mal ás vacas. Porén, sería preciso un estudo para esclarecer o significado en distintas partes en Galicia da voz rela. Sabemos que rela emprégase tamén para "couza", "traza" (insecto que roe a madeira). Unha voz similar, ralo, aplícase ao insecto Gryllotalpa.

As veces habituámonos a usar formas (eu acostumo usar rela) , moitas veces por unha cuestión de gusto, ou neste caso por exemplo, tamén por dispor dunha determinada información no momento. Enfín...que convivan relas e estrozas. Por certo, a estroza é un precioso anfibio pequeniño, de cor verde, totalmente inofensivo para os humanos.


Humm, e a rela este texto, será unha ra?

"¿Vé-lo con cara de rela, brinca que te brincarás sempre nas rúas da aldea? ¡Non ten nai! ¿Vé-lo, seu traxe en anacos, cos outros cal el andar un día e outro a larpazos? ¡Non ten nai! ¿Vé-lo, sin ir nunca á escola, feito eterno nugallau, que sólo pensa en camorras? ¡Non ten nai! ¿Vé-lo, cos probes metendo÷se, tirando pedras ós cans, roubando a froita nos eidos?"

Fr. Samuel Elján (1913). Mágoas. Versos gallegos. El Eco Franciscano. Santiago.


domingo, novembro 12, 2006

osgas e salmantesas

No galego escrito téñense empregado recentemente dous nomes para Tarentola mauritanica, un é osga, outro salmantesa. Tarentola é un réptil nocturno da rexión mediterránea, común e bastante coñecido por frecuentar as casas de campo en busca de insectos.

A voz osga encontrámola no Vocabulario das Ciencias Naturais (A. Sanjuán, M. A. Fernández, M. P. Jiménez, P. Brañas, Ed. Xunta de Galicia, 1991). A súa orixe está no portugués osga, voz común nesta lingua para este réptil. A súa etimoloxía é descoñecida.

Salmantesa aparece na excelente guía de P. Galán dos Anfibios e Réptiles de Galicia, da Ed. Xerais. Tras buscar con pouco éxito en Galicia a orixe deste nome, internet deunos unha pista valiosa. Aparece nun glosario na rede da fala do municipio de Odón (Teruel) como denominación para salamanquesa (voz castelá da Tarentola). Esta forma, salamanquesa, deriva, por certo, de salamanca, palabra dialectal castelá e galega que se aplica á pintega, anfibio frecuente en terras norteñas de Iberia. Non sabemos do uso popular de salmantesa en Galicia. No libro Xogos populares en Galicia, de 1986 , e de autores R. Pérez y Verde e X. A. Tabernero Balsa, aparece salmantesa como nome para Mantis religiosa, insecto máis coñecido por barbantesa, parraguesa e galbana.

O castelán salamanquesa tén sido tamén empregado na literatura, aínda que non de forma frecuente, como cabe esperar desde animal escaso en Galicia de forma natural..polo menos en canto as temperaturas medias non soben un pouco máis...

"O bolimarte é algo así como unha salamanquesa; outros din que o que somella é un alacrán. Tén crista roxa, coma de galo, na cabeza. Medirá unha media cuarta, i o máis do seu corpo é rabo. Pón un ovo cada sete anos, e precisamente no niño do moucho; os ovos do moucho son brancos i o do Bolimarte mouro, pro o moucho non se decata" .

Álvaro Cunqueiro (1960). Escola de menciñeiros. Ed. Galaxia.

A escolla estaría, talvez, entre unha palabra estándar portuguesa (variante románica máis afín ao galego) e un aparente localismo castelán, salmantesa. Parece máis recomendable a primeira.

Nas falas galaico-portuguesas, para algúns de orixe galega, do Val de Xálima (Cáceres) aparecen as voces zaparrostro e santurrostro, que enlazan coa forma local saltarrostros, do castelán actual -con influencia asturleonesa- das Arribas do Douro (Zamora-Salamanca). Ata o momento non nos consta o seu uso en Galicia.

quarta-feira, novembro 08, 2006

brizos

En diversos dicionarios galegos aparece brizo, como denominación para algo "moi verde", "vizoso". A voz aplícase tamén, segundo o dicionario Xerais, a unha planta da familia das umbelíferas de flores brancas e amarelas que medra nas marxes dos ríos (Berula erecta; sinónimo: Sium angustifolia). Citada en Coruña e Lugo segundo o Catálogo da Flora Vascular Galega. Segundo esta publicación, porén, brizo aplícase a plantas do xénero Nasturtium, Apium e Berula. De acordo co "Glosario de Voces Galegas de Hoxe", compilado por Constantino García, é forma moi difundida en Galicia para planta umbelífera parecida ao berro (sobre todo na provincia da Coruña).

Na documentación antiga, sec. XVIII atopámola, en Ribadavia, citada polo Padre Sobreira

" En prados y arroyos. Especie de cicuta débil, tallo manchado, la come el ganado. La flor corimbo blanco".

Ou no dicionario do XIX de Marcial Valladares:

"Ribadavia. Hierba que tiene hojas como el nabicol, que se cría en los pozos y arroyos, y suele comerse. Compréndense bajo esta voz genérica, en algunos puntos de Galicia, dos especies de plantas pertenecientes á la familia de las umbelíferas de Jussieu, a saber, la Berrera Helosciadium nodiflorum seu Helosciadium nodiflorum, seu Sium nodiflorum. (V. BERRO-FEMIA) y el Selinum carvifolia, ambas vivaces y de lampiño asurcado tallo, bien que siempre erguido en la última; hojas de esta, ternado-descompuestas, con segmentos pinado-hendidos y divisiones lanceoladas, terminantes en rejoncito; margen del caliz oscurecida, pétalos escotados con lobulillo envuelto. La primera es abundantísima en tierras cenagosas y en casi todos los cauces de agua. La segunda crece generalmente á orillas de los riachuelos: una y otra florecen de junio á agosto y su flor es blanca"

Parece claro que é voz xeral para varias especies de umbelíferas.

Recentemente foi empregado brizo para denomina-la cuasi-endémica de Galicia Angelica pachycarpa, que vive en acantilados costeiros. Dado que polo que se ve, existen varios brizos, suxerimos aplicar algún modificador, como brizo mariño, ou como alternativa usa-la adaptación do nome científico anxélica mariña para a especie. A voz angélica é tamén usada en portugués para este xénero .

"¡Acordo-cheme ben! Sentámo-nos Sabela e eu na beira do río que rebullecía xemendo xunta os erguidos brisos, e lambía as follas dos ameneiros engarrando nelas pingas d'auga semellantes a pelras. A noite era de luna clarísima; carraban as rans nas pozas, e de cando en cando ouía-se o atruxo dalgún macidán que alá lonxe berraba: -¡Viva o Carballiño!"

Lisardo Barreiro (1890) .A Lenda das Burgas. Ed. Andrés Martínez. A Coruña

domingo, novembro 05, 2006

aguias caudais e calzadas

Aguia calzada é o nome vulgar de Hieraaetus pennatus, rapina hai anos escasa en Galicia pero hoxe algo frecuente na bacía do Miño e algunhas serras do sur e centro de Galicia. O epíteto calzada tén relación cos usos portugueses e casteláns (calçada, calzada), e fai referencia ás abundantes plumas presentes nas pernas do animal. En realidade o portugués calçada foi tomado do castelán calzada, e este, ou do inglés booted ou do francés botté. En todas estas linguas é un nome de orixe técnica, hoxe popularizada entre os adeptos á observación de aves.

En galego tense usado aguia caudal.. Descoñezo a orixe desta denominación, pero o feito que que sexa voz cultista e de que en castelán aínda hoxe signifique aguia real (www.rae.es) faime pensar que procede desta lingua, por algún tipo de erro de asignación. Nos textos antigos españois aguia caudal vese aplicada, como dicimos, á aguia real (Aquila chrysaetos)

A recomendación non pode ser outra, por tanto, ca aguia calzada.

segunda-feira, outubro 30, 2006

Herpestes ichneumon

Este mamífero vivérrido é común na metade S da Península Ibérica e en toda África. Xa que non se encontraron restos fósiles até o momento, pénsase que puido ser introducido polos árabes. No Vocabulario das Ciencias Naturais (A. Sanjuán, M. A. Fernández, M. P. Jiménez, P. Brañas, Ed. Xunta de Galicia, 1991) denominano mangosta (cfr. ingl. Egyptian mongoose, fr. mangouste, port. mangusto). A forma rexístrase en galego xa en 1937, na obra "O idioma dos animás (opúscaro de enxebreza)" de Fuco Gómez...impresa en Cuba!

"mangostas, toiróns e outras alimarías andan a pesca de gazapos, de porcos d'Indias"

Creo que sería necesario un adxectivo, pois hai diferentes especies do xénero Herpestes. En catalán úsase mangosta africana. En Portugal mangusto e manguço son nomes xerais, pero para Herpestes ichneumon é común hoxe saca-rabos. Curiosamente esta forma case coincide co nome para a xeneta de moitos lugares de Ourense, rabisaco.

"Disparamos-lles un par de veces ós pombos, inutilmente, e vimos un rabisaco insolente que non nos interesou. Baixamos da lomba cara a un río, atravesámo-lo nun vao, non sen caer e mollar-nos"

Morning Star (Miranda, Xosé, Ed.Xerais, Vigo, 1998)

Herpestes ichneumon puido estar presente en Galicia hai algún tempo como se suxire no "Atlas de los Mamíferos Terrestres de España", sería algunha vez chamado rabisaco?

Sacarrabos é continuadora dos usos galegos e é popular no S de Portugal. Sen obstáculo para que denominemos mangosta en xeral a todas as especies similares.

A curiosa ruta da mangosta: do marathi, lingua da India, ao ingl. ou francés (mongoose, mangouste). Se cadra primeiro directamente ao portugués. Do francés ao castelán. Do castelán..ao galego literario moderno.

Galemys pirenaicus

Leo no Atlas de Vertebrados de Galicia (SGHN-Consello da Cultura, 1995) o nome rato de almiscre para este interesante mamífero insectívoro acuático, e aparecen tamén as variantes aguaneira, toupeira de auga e toupa de río. No libro "Os Espazos Naturais de Galicia", de varios autores ( Ed. Nigra-Trea, 2004) aparece aguaneiro como voz para a especie. Que forma escoller?

Rato de almiscre é bastante antiga, recóllea o Padre Sarmiento como rato de almizcle en 1755 (Diccionario de diccionarios, ILG-F. Barrié) e di del: " Es ratón pequeño que anda en los muros viejos cuyo excremento huele mucho. Haylos en Pontevedra ". O normativo hoxe para almizcle é ALMISCRE.

Aguaneiro rexístraa Frei Juan Sobreira en Ribadavia no séc. XVIII, como "rato de agoa". En todos os dicionarios antigos e información dialectal diversa aparece como sinónimo de aguadana (en Barbanza, recollida por nós), coa variantes :
- aguana ("rata de agua", en Amandi e Pantón)
- aguano (Lemos)
- aguanón ("rato grande dos muíños", en Corzáns; "ratón grande de agua, que abre los buceyros de las pozas y hace que escape el agua", en Areas)
- aguaneira ("rata grande del río de color negro", en Camposancos, A Guarda)
- ougana ("rata de agua", Parada de Sil).

Por tanto, pensamos que é un dos nomes orixinais de Arvicola sapidus, un roedor de hábitos anfibios que é común nos prados e ríos de Galicia, máis fácil de ver, diúrna e que ademais tén o costume de facer buratos nos ribazos.

A adscrición como Galemys pensamos que xorde no dicionario inacabado da Academia Galega (1913-1928), onde á par de Arvicola aplícaselle a Mygale (nome antigo de Galemys), transladándose de forma idéntica a outros textos que a copiaron, sen dúbida.

A translación do nome dunha especie a outra é comprensible, e entra dentro das "licenzas" que se pode permitir a lingua culta, que tende a especializar o significado de nomes de uso xeral popular. Agora ben, non sería máis fiel á fala reservar ese nome para Arvicola, tendo en conta o uso? Ou estará xa consolidada a voz aguaneiro para Galemys polo uso hoxe repetido nos textos galegos técnicos?


Porén, na tradición escrita, isto nos di, en "Xeografía fito-zoolóxica", Luís Iglesias Iglesias, en 1962 :

"A fauna destas brañas está formada por lontras (Lutra lutra), aguaneiros (Arvicola amphibius), pôlas de auga (Gallinula chloropus chloropus), galiñas de auga (Fulica atra atra)..."

Ou na literatura recente:

"Teñen calas, crisantemos e xirasois nun cacho de horta. Antre froles, a Señora Elisa mirra-se, eivadiña, dominada por un perpetuo horror aos grandes ratos e aguaneiras que inzan nas beiras do riacho que pasa ao pé da casoupiña en que viven".

Méndez Ferrín (1986) Antón e os inocentes.

Sobre toupeira de auga e toupa de río non sabemos do seu uso popular, pero son moi apropiados para a especie, pois Galemys é tamén un mamífero insectívoro como a toupeira. O español desmán, chegou a través do fr. desman, e este do sueco desman, e segundo algúns, do uso dos lapóns, que cazaban unha especie similar, que a denominarían a partir dunha corrupción do nome xermánico " der maus" (ou sexa "o rato").

Lemos isto no material da páxina do Ministerio de Medio Ambiente, falando sobre biodiversidade e o nome desmán:

"Graells (1897) fue el primero en importar el galicismo, aunque también aportó un gran número de nomes vernáculos, recogidos en toda España, como el de almizclera o rata de almizcle (y sus variantes idiomáticas) y rata o topo de agua, a los que añadimos diversas variantes de aguadañón o aguarón" ...Resaltamos aquí que aguadaña é variante de aguadana nos dicionarios galegos...outra vez a conexión das dúas especies!!

Por todo isto, pola súas afinidades taxonómicas parécenos máis recomendable o uso de toupa de río (común coa variante castelá topo de río) ou toupeira de auga (seguindo o uso portugués). Hoxe en día toupeira de água é a voz normal e asentada en Portugal. Penso que vale a pena ese pequeno esforzo de unificación coa lingua lusa. Tendo en conta que toupeira designa a toupa só na faixa occidental galega, toupa de río tamén a vemos moi recomendable.
Por último, a forma desmán (usada en varias linguas europeas) non tivo até hoxe moito uso en galego.

sábado, outubro 28, 2006

cimbros e xenebros

O Juniperus communis é un pequeno arbusto da familia dos alciprestes, que habita de forma natural en Galicia só nos máis altos cumes das serras orientais. Os seus froitos son empregados para a elaboración da bebida chamada xenebra. A Real Academia Galega recomenda nun dicionario xenebro e xenebreiro para a árbore (Dic. castelán-galego Barrie De la Maza), mentres ca no Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (2004), base das súas obras lexicográficas , só se recolle cimbro (anotado como Juniperus).

Cal das dúas formas sería preferible?

Vexamos os pros e contras:

A voz xenebro non tén case uso para denominar a árbore. Non é esperable en galego, por manter -n- intervocálico (castelán de Álava ginebro, aragonés chinebro), nin se rexistra popularmente en Galicia.

Xenebreiro pode considerarse un neoloxismo culto, a partir do nome da bebida, xenebra, do fr. antigo genèvre (port. genebra, cast. ginebra). É a forma máis usada nos textos actuais galegos...e se rexistra como variante de uso menor en Portugal (genebreiro).

Cimbro ofrécenos, etimoloxicamente, unha evolución curiosa, a partir do esperable ximbro, do que non sabemos do seu uso popular nin literario. Jimbro é forma antiga ou dialectal en port. e castelán (Dic. Crítico Etimológico Castellano e Hispánico de Corominas). Segundo a información de internet, jimbro é voz das falas leonesas e castelán-leonesas das Arribas do Douro e Zamora, para o xénero. Xa nun glosario latino-arábigo do S. XI se rexistrou a mudanza de j a z, coa forma zimbrus, de acordo co Dic. de Corominas, que tamén nos di que Miguel de Unamuno citou jimbre en Salamanca. Hoxe zimbro é a forma máis frecuente en portugués.

Cimbro para Juniperus só a rexistramos recentemente en galego nalgúns textos técnicos (guías e folletos).

Un punto ao favor de cimbro é a afinidade co uso portugués, pola contra, unha obxección é que no galego existe tamén esta palabra co significado de "cume" ou "cúspide", podendo dar lugar a confusións,

Así, vemos esta tradución do texto latino Quinto Horacio Flacco. Canciós. Libro I (por Aquilino Iglesia Alvariño, alá por 1951)

"Din cabo a un monumento máis perene que o bronce e máis outo que os cimbros dos panteós dos reises, que no o poida arrasar nin o luír da chuva; ni'as gadoupas do vento desvairado; ni'a longa catropea dos anos que non poden contar-se; ni'os pasos solermiños e lixeiros do tempo"

Non puidemos atopar aínda referencias de nomes populares nas terras orientais de Trevinca ou Porto (Zamora), pero sería raro que non existiran, dada a secular cultura pastoril da zonas altas....seguiremos buscando, pois, o nome tradicional do Juniperus.

quarta-feira, outubro 25, 2006

Rupicapra

Rupicapra rupicapra é o nome científico do rebezo, un mamífero parecido a unha cabra ou antílope, que aínda mora nos cumes dos Montes Cantábricos, onde chega a ser común en certas zonas. En galego tense usado con certa frecuencia a voz rebeco nos textos modernos, aínda que a Real Academia Galega recomenda REBEZO. Segundo o "Diccionario General de la Lengua Asturiana", de Xosé Lluís García Arias, rebezu é voz tamén empregada en terras leonesas próximas, concretamente en Laciana e Palacios del Sil. Con respecto á forma usada en Portugal, camurça, emparentada co castelán gamuza, non sabemos do seu uso popular en Galicia, aínda que si aparece en diccionarios históricos dos séculos pasados.


Isto é o que nos di Ánxel Fole, en 1953 en "Á lus do candil. Contos a carón do lume":

"vense os montes máis outos da Serra: O Piapáxaro, Lucenza, Montouto, o monte da Golada. Os seus cumios están cubertos de neve hastra o verao. Nos días sereos do inverno e da primavera, relocen coma si foran de azucre. Según os vellos máis vellos, fai moitos anos nas devesas había osos e cervos, e nos cumiales muitos rebezos. Mais aínda se atopan corzos e xabarís. E tamén moitas perdices, lebres e coellos. "

Ou o "Diccionario castellano-gallego" de Marcial Valladares, en 1884:

na voz GAMUZA: "(...)Rebezo o Rebeco; (...)Encuéntrase en las altas montañas, hasta en las nieves perpétuas, y forma pequeños rebaños en los Pirineos, montañas de Santander, Leon, Asturias y sierra del Caurel, en Galicia. Las Gamuzas no viven contentas sino sobre las rocas y entre los precipicios donde se puedan poner al abrigo de los rayos del sol. (...). Trepan con agilidad sorprendente, saltan de risco en risco y, cuando corren, parece mas bien que escapan."

Tendo en conta a súa base popular e literaria, reflexo dunha antiga distribución histórica, rebezo parece a forma máis recomendable en lingua galega. Sen obstáculo para que os dicionarios actuais recuperen outras formas literarias comúns ao ámbito lusófono, como camurza.

quinta-feira, outubro 19, 2006

tomiños, tomillos e tomentelos

O xénero Thymus é un grupo de plantas da familia das labiadas que son especialmente frecuentes na metade oriental de Galicia, aínda que algunha especie tamén se ve en zonas baixas do territorio. En castelán chámase tomillo, e en portugués tomilho /tumillu/ - segundo os dicionarios un castelanismo que penetrou na lingua lusa-. O galego conserva unha forma autóctona de denominalo, como é o de TOMIÑO, aínda que TOMILLO é frecuente tamén no uso popular. É indicativo que TOMIÑO se manteña nas áreas de clima mediterráneo. Así, segundo a información do "Diccionario de diccionarios" (Instituto da Lingua Galega-Fundación Barrié De la Maza), tomiño sería voz usada sobre todo no SE de Ourense, na área de Quiroga, Valdeorras e Bierzo Occidental.

Foi por isto que TOMIÑO foi escollida como forma estándar nos dicionarios galegos actuais. Nas Rías Baixas coñécese o TOMENTELO, que Xosé Ramón García, na Guía das Plantas con Flores de Galicia, aplica a Thymus caespititius, estando presente nas partes baixas de Galicia. O tomento, segundo o dicionario, é unha especie de peluxe que teñen as plantas.