domingo, maio 20, 2007

olmos, negrillos e umeiros

Pregúntame un amigo cal sería o nome máis apropiado para Ulmus, un xénero de árbores ribeiregas e campestres. No dicionario castelán-galego da RAG- F. Barrié de la Maza aparece olmo e umeiro como equivalente do castelán olmo. Na lingua popular galega, de acordo co Glosario de Voces Galegas de Hoxe (recompilado por C. García) son dous os nomes predominantes: un é olmo, outro negrillo. Esta última voz tén unha ampla difusión na provincia de Ourense e Sur de Lugo e aparece tamén nos dicionarios portugueses, ademais de usarse en textos técnicos, ao lado de ulmeiro. Negrillo debeu de ser excluído do dicionario galego pola súa orixe castelá, cun sufixo -illo característico desta lingua. Sobre umeiro, temos dúbidas máis que razoables sobre a súa correcta identificación no dicionario da RAG, e a súa inclusión podería ser resultado da asociación co portugués ulmeiro. Umeiro parece denominar, de acordo con información dialectal diversa, ao amieiro Alnus glutinosa, no Bierzo, Valdeorras e no galego asturiano.
Olmo, pois, parece ser a forma xeral máis recomendable de acordo cos criterios da RAG. Consultando o dicionario portugués da Porto Editora vén desta maneira ulmeiro: " árvore de grande porte (..) também conhecida por mosqueiro, negrilho, olmeiro, olmo, ulmo." Olmo sería, por tanto, un dos nomes derivados do latín Ulmus. Ulmeiro podería usarse se aceptamos a influencia do portugués estándar, pois parece que non é voz común en Galicia. Segundo os dicionarios galegos un lugar poboado de olmos sería unha olmeda, un olmedo ou un olmedal.

terça-feira, maio 15, 2007

pegas marzas e gaios

Garrulus glandarius é o córvido que mellor representa os ecosistemas forestais galegos. Omnívoro, oportunista, esperto, gregario, ruidoso...o seu grasnar non nos pasará desapercibido en calquera bosque. É, por tanto, unha especie ben coñecida popularmente.

Gaio é un dos nomes máis difundidos na fala, especialmente no oriente e sur do país, tendo tamén uso literario. É voz patrimonial , derivada do nome propio latino Gaius...para facernos á idea, un tal "Pepe" da época. Gaio é, por outra parte, unha denominación común co portugués e tén a mesma orixe ca o fr. Geai e o ing. Jay.

No O, N e centro de Galicia, porén, son frecuentes as voces derivadas de pega: pega marxa, pega rebuldán e pega rebordá, mentres ca no SE é habitual pigarro. Nalgún lugar pega marxa deriva a pega mansa, pero de mansas non teñen nada....Na lingua escrita vése tamén moi frecuentemente a variante pega marza, que parece realización ceceante de pega marxa.

Marxa quere dicir "pinta" ou "mancha", por tanto, pega marxa é "unha pega con pintas", facendo referencia ás rechamantes plumas azuis e negras da ala. Andando polas fragas atoparemos algunhas destas belas plumas, cun pouco de sorte e algúns paseos.

quinta-feira, maio 10, 2007

cirrios e vencellos

Nos ceos das cidades e vilas de Galicia, especialmente entre maio e agosto é común escoitar o "srrríii srrríi" característico dos cirrios ou vencellos. Pasan moito tempo voando e só precisan as súas extremidades para pousarse en paredes verticais ou apoiar o seu corpo nos buratos onde crían. A súa silueta con finas alas curvadas e o seu voo en grupos ruidosos é un indicio inequívoco do verán. Nos textos galegos recentes había certa tradición de chamalos vencellos. Este nome debe de ser o máis común popularmente en Galicia (ás veces como vencexo). Porén, a RAG considera que estas voces son de orixe castelá, e dá preferencia a outros vernáculos, como a voz cirrio, de clara motivación onomatopeica.
A forma popular máis difundida, despois de vencello, é probablemente cirrio: óese na comarca do Ribeiro, en Rubiá, Becerreá e no Bierzo galegófono, polo menos. En ocasións aparecen variantes como irrio ou birrio, cirnio e guizguirrio (Xurés) e zilro (no veciño P. N. Peneda-Gerês). Na Limia coñécense tamén aos cirrios como xirotos e birlos. Estes nomes tomeinos maiormente da obra "Diccionario de diccionarios", publicada polo ILG-F. Barrié de la Maza, onde aparecen outros, como andurón ou avión, sen localización xeográfica. Pedreiro parece ser tamén outro nome dos cirrios, lembrando unha profesión tradicional en Galicia.

terça-feira, maio 08, 2007

fragas e fragas


Se a algún dos lectores se lle pregunta que é unha fraga en galego, con certeza a maior parte contestará "bosque mixto, conxunto de árbores diversas, especialmente caducifolias". Este é o significado predominante no galego actual, pero non debemos de esquecer que na Galiza oriental fraga denomina un "conxunto de penedos". Este significado parece ser o máis antigo en galego, de acordo cos etimoloxistas, e está relacionado con palabras comúns como fragoso "abondoso en penedos, quebras e desniveis pronunciados, polo que o paso é difícil".

A denominación do oriente é similar ao portugués actual fraga, que designa tamén un conxunto de rochas. No galego zamorano de Lubián, por exemplo, atopamos un topónimo como Fraga da Osa, que deberá ser, probablemente, un barranco onde habitaban estes plantígrados en tempos pasados e non un bosque.
Fraga, como bosque, é un uso característico das provincias de Lugo e Coruña, que pola maior importancia demográfica do occidente e a boa representación de escritores desa zona, pasou a ser unha forma do galego común.