sexta-feira, abril 13, 2007

abetouros con b

O abetouro, Botaurus stellaris, é unha especie de "garza" ou ardeida que frecuenta canaveirais das áreas húmidas. Na Galiza, na actualidade, é sobre todo unha especie que se observa en paso migratorio.
Para o coñecedor da outra lingua oficial galega, o español, resulta rechamante o feito de que en castelán avetoro é escrito con "v", e en galego, con "b". En galego o uso con "b" está testemuñado xa na Idade Media, coa forma betouro. Probablemente teña a súa orixe no francés medieval butor ou no latín desa época botaurus. A voz adaptada do francés, bitor, foi usada en castelán arredor do ano 1600, como indica F. Bernis no seu "Diccionario de Nombres Vernáculos de Aves" (Ed. Gredos). Posteriormente pasa a denominarse avetoro. Esta "a" inicial debeu influír na forma literaria galaicoportuguesa, e en portugués hoxe emprégase abetouro. En galego atopamos un precedente da forma actual abetouro en 1962, na "xeografía fito-zoolóxica" da Historia de Galicia, vol. I (Ed. Nós), impresa en Buenos Aires, e de autor Luís Iglesias. Non se trata, pois, por tanto dunha simple "copia" do uso portugués, senón dunha forma da tradición literaria medieval, con prolongación no sec. XX e nos nosos días.

domingo, abril 08, 2007

Narcissus

Abril é o mes dos narcisos. Unha boa parte das especies galegas están en plena floración. Segundo o Catálogo da Flora Vascular Galega , de E. Nino, E. Losada e J. Castro, habería unhas 9 especies do xénero con presenza confirmada en Galiza.
O nome xeral para todas elas, é sen dúbida o latinismo narciso (como en portugués -narcisso- e castelán narciso). A súa orixe está nun personaxe mitolóxico, e de acordo co dicionario da RAE un narciso é un "hombre que cuida demasiado de su adorno y compostura, o se precia de galán y hermoso, como enamorado de sí mismo". A motivación do nome destas plantas está pois, na beleza das súas flores.
Existen, porén, algúns nomes de orixe popular. Vexamos algúns.
Motivado na cor dalgunhas das especies, coñécese no centro de Galicia, polo menos, a voz amarelle, que se podería empregar sobre todo para Narcissus bulbocodium, unha das especies máis comúns. Outro nome que recollemos da bibliografía é campaíña, que foi citado polo coñecido crego e botánico Padre Sarmiento e por varios dicionarios. Aos narcisos grandes, cultivados, tamén se lle chama Flor de S. Xosé, de aí que pase a denominar tamén o conxénere silvestre de gran tamaño Narcissus pseudonarcissus. Sobre afroixón, outro nome citado na bibliografía, non temos datos e descoñecemos se aínda hoxe é forma aplicada aos narcisos e concretamente ao narciso de Asturias Narcissus asturiensis, que se distribúe en Galiza sobre todo polo norte e zonas montañosas da Comunidade e que aparece na fotografía. Algún dos lectores tén algunha información sobre o uso popular de afroixón?