O xénero Lanius é un grupo de aves asociadas en Europa aos agropastorais extensivos. Son pequenos predadores que se alimentan sobre todo de invertebrados. O mosaico agrícola e pastoral tradicional nun clima de afinidades norteñas , mediterráneas ou continentais(dependendo das especies) é o seu medio ideal.
En Galicia coñezo dúas denominacións populares básicas para o xénero , unha é picanzo, da área da Gudiña (SE de Galicia) e outra cascarrollo/cazcarrollo da comarca do Val de Verín, coas variantes cascorro e cascarroño na Limia e Baltar, respectivamente. A primeira tivo máis fortuna literaria, ao ser a forma escollida polo portugués (picanço) e o galego estándar para denominar a especie. Picanzo, por outro lado, é voz ben coñecida na área dos antigos dialectos leoneses, desde Zamora ata a Extremadura española, e, por tanto, é tamén o nome usado no castelán falado hoxe en día nesas terras. Cascarrolho úsase tamén en Portugal, no P. N. Peneda-Gerês.
A etimoloxía destas palabras pode estar relacionada coa actividade predatoria (picar, picanzo) ou no caso de cascarrollo talvez coa coloración, pois as cascarrias son as pelotiñas de bosta que quedan adheridas ao corpo das vacas no seu transitar do campo á corte.
Alguén dos lectores coñece alguén outro nome vernáculo máis para os picanzos en terras galegas?