domingo, agosto 19, 2012

capudres e cancereixos

Confeso publicamente unha certa fixación cos ambientes naturais fríos e frescos. As miñas dúas árbores preferidas son o bidueiro (Betula alba) e o capudre (Sorbus aucuparia), que son frecuentes nas zonas máis altas e frías da Galiza. O Sorbus aucuparia  ten nomes diferentes en galego e en portugués. En Portugal é moi escaso, sendo denominado nos libros tramazeira ou, menos habitualmente, cornogodinho.

Procurei os nomes da especie en Galiza e atopei en internet a interesante publicación "Fitotoponia Galega" de Gonzalo Navaza, que pode baixarse da rede libremente (ao día de hoxe). Nela figuran os seguintes nomes da especie: cancereixo, cornabude, capudre (capudrio), escornacabras e escornabois, recollidas polo crego ilustrado Padre Sarmiento. A este acrecentamos carnabudo, recollido polo etnobotánico Emilio Blanco na súa tese sobre os usos tradicionais das plantas do Courel (Lugo).  Tamén se recolle no libro de Navaza sorbeira, pero de acordo coa descrición dos dicionarios debe ser nome en Galiza dunha especie de groselleiro (Ribes sp). e non do Sorbus.
De todos estes nomes o que máis fortuna tivo na lingua escrita galega foi capudre, variante característica, polo menos, dos Ancares lucenses. Capudre debe usarse tamén en área asturleonesas próximas, pois téñoo visto en folletos sobre Laciana (comarca onde se sitúa Villablino) e no dicionario asturiano on-line do xornal La Nueva España aparece caputre como voz  usada no "Occidente". En varios concellos asturianos aparecen ademais voces similares (capudu, capurrio, capudru).



:

terça-feira, novembro 29, 2011

Circus aeruginosus

Circus aeruginosus "Circus aeruginosus" é unha ave de rapina moi descoñecida na nomenclatura popular ibérica. Boa parte todos os seus nomes son de raíz culta ou ben son adaptacións de nomes populares para outras especies. É o caso do esp. aguilucho, que designa sobre todo á cría da aguia e rapaces pequenas. Hoxe en día úsase na linguaxe dos ornitólogos e talvez chegou ao uso xeral, pero non creo que se empregase xeralmente de forma distintiva para os "Circus".

Francisco Bernis recolle varios nomes no castelán para Circus, como tahorma, águila liebrera, cenizo, ceniciento, esparvero grande e varios na Comunidade Valenciana, como pilotero, aguilucho e arpella. En portugués a forma priorizada hoxe é águia-sapeira, supostamente forma popular para "Circus aeruginosus".

Arpella é voz que debe proceder en galego do español, e pensamos que non tén ningunha tradición popular. Debeu de ser recollida de dicionarios galegos antigos. Facemos notar que o proceso de elaboración destes dicionarios foi moi irregular, con limitados apoios económicos, procedentes sobre todo da emigración americana e con nulo apoio instititucional en Galicia, con lingüístas traballando na primeira metade do sex. XX nun ambiente político convulso. Por pór un exemplo algúns editores, dedicados tamén á política, foron fusilados e un dos mellores lexicógrafos da época, Aníbal Otero, que nunca se dedicou á política foi encarcerado e condenado a morte por ter transcricións fonéticas de enquisas do Atlas Lingüístico da Península Ibérica, que a policía dos reximes portugués e español da época xulgaban material de espionaxe, alucinante, pero certo. Afortunadamente a sentencia foi anulada

Hoxe en día 2011 os únicos dicionarios galegos completos son igualmente de iniciativa privada, e, afortunadamente de boa calidade. O único deles que tén acceso on-line libre é o Dicionario Estraviz. Descoñezo se en español "arpella" vén do catalán, onde tamén se utiliza, pero do seu uso castelán para "Circus aeruginosus" dan fe os rexistros nos dicionarios españois coetáneos daqueles galegos de principios do XX (consultables no Nuevo Tesoro Lexicográfico de la Lengua Española). Por todo isto en galego recorreuse á voz tartaraña para os Circus, tan xenérica como a voz aguilucho, pero polo menos afín ao portugués tartaranhão. Tartaranha é tamén voz medieval galego-portuguesa.
Finalmente os epítetos castelán "lagunero" e o galego e "das xunqueiras" son voces de procedencia culta, resultado da adaptacións dos nomes francés e inglés. No caso do galego tamén se atendeu á variante "tartaranhão-ruivo-dos-paúis", unha forma culta portuguesa, sendo paúl un pantano

quarta-feira, novembro 02, 2011

Dicionario de Bioloxía


A partir de agora faremos referencia a publicacións que poden ser de interese para a temática que interesa ao blog. Así, por exemplo, no ano 2010 a Xunta de Galicia publicou un Dicionario de Bioloxía galego-castelán-inglés,de 220 páxinas e un prezo aproximado de 8 EUR.
Desde o punto de vista reintegracionista publicouse no 2011 Manual de Galego Científico, de Carlos Garrido e Carles Riera, editora AGAL, completo libro de 600 páxinas, con prezo arredor dos 33 EUR. Aínda non tiven ocasión de ver ningunha destas obras, que serán oportunamente comentadas no blog.

domingo, outubro 23, 2011

xenetas, xinetas e algarias

Comezo logo outra xeira neste meu blog, tratando dos nomes dalgúns animais.
A xeneta é un mamífero carnívoro de tamaño mediano e de cor cincenta con pintas negras. A cola tamén é gris, con aneis negros moi característicos, que axudan á súa identificación. Crese que foi introducida polos árabes durante a súa ocupación da Península Ibérica, co fin de perseguir os ratos nas casas e rueiros, xa que non se encontrou a especie ata agora no rexistro fósil.
O nome popular máis frecuente para a especie parece ser xineta e xeneta, usado de forma dispersa por Galicia. O Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (RAG-ILG, 2004) prefire xeneta . Tense usado na lingua escrita tamén a voz algaria, que oe tamén popularmente por Ourense, sen dúbida relacionada coa denominación gato de algalia usada hai algún tempo no castelán para designar algúns vivérridos asiáticos (a xeneta é da familia Viverridae, un grupo de mamíferos carnívoros). A algalia, voz de orixe árabe, é unha substancia olorosa usada como base de perfumes, que se obtén a partir dunhas bolsas que teñen algúns vivérridos perto do ano.
Outros nomes para a xeneta son rabisaco e rabixo. Descoñezo se a voz furatoxos, tamén citada en Galicia, é nome para a garduña, outro carnívoro, ou para a xeneta.

quarta-feira, dezembro 15, 2010

espadanas

A páxina web http://www.anthos.es/, sobre as plantas de España, sinala os seguintes nomes galegos para a especie de planta palustre Typha latifolia: anea, baión, caba dos bofardos, espadaina, espadana, palla pipa, palla real e tufa.
Contrastando estes datos co Dicionario de dicionarios (ILG-Fund. Barrie de la Maza) parécenos que anea non é forma propia do galego (só aparece en dicionarios antigos, sendo voz de probable orixe castelá e sen uso popular). Sobre baión non nos pronunciamos, aínda que figura tamén en dicionarios vellos. Caba do bofardos debe ser, con claridade, erro por cana dos bofardos. Bofardo, bufardo, bufo ou búfano é nome da inflorescencia cilíndrica da planta, moi grande e rechamante. Palla pipa foi nome popular en galego (os bufardos utilizábanse como instrumento de limpeza)।
Sobre palla real e tufa non sabemos nada na actualidade, se ben tufa foi citada como nome hai xa tempo, e sobre espadana sabemos que é o nome habitual en galego para Typha latifolia.
Algúns dicionaristas teñen indicado que en Betanzos se chama espadana tamén aos lirios amarelos (Iris pseudacorus). Nada raro nisto, os de Betanzos semellan ser xente razoable, pois a folla lembra moito á da Typha latifolia, pero non sei a canta xente lle preguntarían.
Espadana-de-água é ademais, nome "estándar" portugués de Sparganium, outra plantiña palustre cunha folla similar. Neste caso os nosos irmáns lusos parecen ser tamén xente asisada. A folla é como a dunha espadana pero máis fina. É máis, espadana ven citado como outro nome portugués de Typha na citada páxina web।
Do nome portugués tabua (pronunciado tabúa), nin rastro nas comunidades autónomas españolas onde se formou a lingua galega (Galicia, Asturias e Castilla y León). Non parece terse usado nunca.

quarta-feira, dezembro 01, 2010

linguas en internet

De acordo cun artigo en formato .pdf recentemente colocado na rede no xornal "El País", elaborado por Cipriano Quirós Romero ("El español y la sociedad de la información"), en 2007 estes eran as estatísticas de uso dos idiomas en porcentaxe de páxinas web no mundo.

Inglés: 37%
Alemán: 6%
Español:4%
Francés: 4%
Italiano: 3%
Portugués: 1%
Resto dos idiomas: 45% (ruso, chinés, etc., etc.)

Como Google identifica o galego como portugués, supoño que esta páxina figura dentro dese modesto 1%. Realmente non me esperaba eses datos e sorprende a elevada porcentaxe dunha lingua case exclusivamente europea como o alemán. Sorprende tamén o descenso da primacía do inglés en relación con datos de anos anteriores.

estevas e xaras

Cistus ladanifer é o nome científico dun arbusto de follas pegañentas e aromáticas moi característico das áreas de clima mediterráneo do oeste e suroeste ibérico. En galego é coñecido co nome esteva (ou esteba) para denominalo alí onde está presente de forma natural, como por exemplo, Valdeorras, comarca de Verín e Viana do Bolo. Esta información figura no Dicionario de dicionarios (ILG-Fund. Barrié De la Maza).

No Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega, porén, figura estepa, esquecéndose da forma popular referida anteriormente, que ademais é común co portugués esteva. Creo que aparece estepa neste Vocabulario porque foi citada tamén polo lexicógrafo Aníbal Otero nalgún punto de Galicia.  Estepa  é tamén un dos diversos nomes da planta en español. En Galicia óese moito máis escasa a voz xara, e curiosamente, sobre todo en zonas onde non hai Cistus ladanifer, senón outros arbustiños do xénero. Sobre se esteva é con v ou con b, non sabemos o que opina a Real Academia (Galega), pero en galego hoxe en día vese máis con v.

domingo, novembro 14, 2010

rabos, colas e caudas

A prolongación posterior do corpo das aves denomínase rabo no rexistro popular de portugués, galego e castelán, aínda que nas dúas primeiras variedades sexa probablemente máis común. A voz cola, idéntica á castelá é aceptada pola RAG e aparece xa nalgún texto medieval en galego. Esta forma, porén, non forma parte do estándar portugués, rexistro en que o rabo das aves é chamado cauda, voz de orixe culta, aínda que se cite cola nos dicionarios. Con certeza cola ten unha evolución un pouco rara, xa que non é forma esperable a partir do latín cauda. A lingua non é matemática e as interferencias históricas entre galego e castelán, portugués e castelán, son frecuentes e en ocasións, antigas.

domingo, novembro 07, 2010

aneis e anillas

Un dos instrumentos máis interesantes para o estudo das aves é o anillamento de aves. Consiste, basicamente, na captura de exemplares da forma menos cruenta posible, usualmente con redes finas, que as aves non poden ver cando voan. A estes individuos pónselle un anel ou anilla, cun código numérico que permite individualizar o animal. Cun pouco de sorte esta ave poderá ser recapturada por outro anillador, o que dará información sobre os movementos da ave, sobre o seu estado físico e outras características. Este anel que se lle pon ás aves chámase anilla en castelán e anilha en portugués. En portugués anilha ven do castelán, existindo unha curiosa diferenza neste idioma entre anilha (aves) e anel (persoas).
En galego existe desde as orixes do idioma a forma anel, que designa o obxecto metálico que poñen nos dedos homes e mulleres, como adorno ou como elemento identificador do estatus social ou marital. A RAG só recomenda o uso de anel, tanto para persoas como para aves. A aceptación do castelanismo polo portugués ten toda a lóxica, pois anelar na lingua de Camoes (e en galego) tiña xa outro uso, como é "ter anhelos". A voz anhelo pode pronunciarse, por certo, en galego an-helar ou anelar.

En galego escrito recente anelamento é voz común, aínda que vexo lóxica tamén a aceptación de anillaxe ou anillamento (anilhagem é usada en Portugal, anilhamento no Brasil). Chamamos a atención sobre a forma anela, algunhas veces vista, e que debe ser unha simple adaptación eventual do castelán anilla. Anela aparece en dicionarios galegos antigos, onde son frecuentes formas esaxeradamente modificadas.
Non vin ningunha referencia de anela no uso popular galego, rexistro, no que por certo se usan máis outras voces, como argola ou aro.
Anelemos ou anillemos, pois, que sempre será de interese para coñecer a nosa avifauna. Iso si, para facelo fai falta un carné.

domingo, outubro 24, 2010

curutos e coroas

O extremo superior da cabeza das aves e das persoas é denominada curuto ou coroa en galego. No Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega aparece píleo para unha parte dos cogomelos, pero non para esta parte da cabeza dos vertebrados. Píleo á a voz usada en español de España para esta parte das aves, mentres ca por exemplo en Arxentina úsase corona. Coruta (pronunciado curuta) é variante portuguesa de coroa. Na lingua estándar, no entanto, predomina esta última. Posto a escoller eu tamén escollería coroa. Ao fin e ao cabo o portugués é a sétima lingua máis falada do mundo, e é moi útil seleccionar vocabulario técnico común.

P. S.: coroa é pronunciada moitas veces croa, tanto en galego como en portugués.

terça-feira, outubro 19, 2010

domfafe, camachuelo e cardeal

Non ten remedio, polo que se ve, pero deixemos unha anotación. Uns dos aspectos máis curiosos da nomenclatura ibérica das aves é o camiño seguido por portugués e castelán para denominar a Pyrrhula pyrrhula, unha ave forestal de vistosa cor vermella no peito e ventre (nos machos, pois as femias son máis apagadas) .

O nome portugués dom-fafe debe proceder, de maneira estraña, do alemán dompfaffe, que designa esta ave (tamén chamada gimpel). Dom é catedral, pfaffe, crego. Esquécense neste caso as denominacións populares.
O nome español estándar camachuelo procede do andaluz camachuelo (derivado de camacho), que designa ao liñaceiro (Carduelis cannabina) nesta rexión. Ao igual do que Pyrrhula, esta última ave ten tons vermellos no peito, moito menos marcados. En ningunha lista de aves moderna intentouse corrixir esta asignación, inicialmente errónea, e lamentada por Francisco Bernis, autor da lista española, no seu libro da Ed. Gredos.

A primeira denominación que aprendín en castelán foi, no entanto, picabrotes. Así figuraba, cunha linda ilustración, nun libro chamado máis ou menos 50 preguntas sobre las aves. Esta publicación foi probablemente a "culpable" do meu interese por este grupo animal, xunto coa inesquecible Fauna Ibérica de Félix Rodríguez.

En galego a primeira voz proposta nunha lista completa de nomes foi paporrubio real (X.M. Penas e C. Pedreira). Esta forma aparece no dicionario de Valladares de 1884, cunha descrición impecable. Non teño idea se aínda forma viva. Só ten un problema, asocia ao Pyrrhula co Erithacus rubecula, o típico paporrubio, ben distinto certamente, en hábitos e aparencia.
En Asturias papu coloráu é tamén nome de Pyrrhula, rexistrado por Alfredo Noval e citado no dicionario asturiano on-line. No galego da Veiga do Eo recolleuse tamén papocolorado para Pyrrhula, segundo J. A. Fernández Vior, autor dunha tese sobre a fala deste concello.

Este é o motivo, a asociación con outra especie non afín, polo que posteriormente se propuxese cardeal en galego, voz citada por algún autor antigo e hoxe rexistrada como cardenal en puntos dispersos de Galicia. Con certeza hai diversas especies chamadas cardeais e cardenales no ámbito hispano-luso, pero realmente podería dicirse o mesmo doutras voces comúns de aves que se estenderon a América.

Máis nomes do Pyrrhula en galego? Apunto algúns, recollidos sobre todo dos traballos de X. R. Patiño e de Etnografía Mindoniense: picaflor, tillasancre, peitorroxo, frade..algúns máis?

sábado, outubro 09, 2010

mitras e rabadillas

O pigóstilo é un conxunto de ósos soldados no extremo anterior dunha ave que sostén unha protuberancia carnosa na base da cola. A cuberta plumar desta zona ten ás veces unha cor diferente do resto da zona superior, polo que en bastantes paseriformes ten carácter diagnóstico.
Esta zona da ave sobre o pigóstilo denomínase mitra nas guías de aves. A voz pode deberse a que a súa forma pode lembrar a un gorro de bispo, de aí que en castelán de España se denomine habitualmente obispillo.
A Real Academia Española (http://www.rae.es/) sinala mitra como sinónimo de obispillo. O dicionario en liña portugués (http://www.priberam.pt/) dá mitra como unha forma rexional para o uropígio das aves (o nome da mitra en portugués culto estándar).
A forma máis popular en galego debe ser, no entanto, rabadilla. Esta voz é usada tamén no castelán culto hispanoamericano, e é recollida como correcta en dicionarios galegos. Aparece tamén en dicionarios portugueses, acarón de rabadela, aínda que o común na lingua culta é uropígio.
En Brasil hai tamén unha forma popular, sobre, e unha culta, uropígio.
En galego temos pois unha voz maiormente culta, mitra, e unha popular, rabadilla.
Cal debería preferirse?

terça-feira, outubro 05, 2010

ás, alas e asas

Se ben unha forma bastante frecuente na literatura galega para os membros superiores das aves, recubertos de plumas, que fan posíbel o voo é ás, esta forma non é usada na lingua popular. Na realidade é un arcaísmo recuperado por certa literatura moderna, con algún uso entre falantes cultos. No galego moderno popular predomina totalmente alas, aínda que tamén se di asas nalgúns lugares, como en portugués actual. Ou polo menos era así cando se fixeron as enquisas do Atlas Lingüístico Galego (en prep.)

A RAG admite tanto á como ala, pero esquece asa por completo nos seus dicionarios modernos, con este significado.

A forma galegoportuguesa medieval á ou aa evolucionou a asas (as ás>as asas) en portugués. Na proposta reintegracionista do galego só se admite entón asa para os animais, encanto ala é unha parte dun edificio, seguindo o modelo luso.

Para qué usar unha forma medieval se podemos optar, cando menos, por dúas formas populares?

domingo, setembro 26, 2010

Cyanopica cyana

Sempre me fascinou a pega azul ou rabilongo (Cyanopica cyana). É unha ave parecida a unha pega, de alas azul claras, con cabeza parcialmente negra e corpo acastañado. Non ten poboacións reprodutoras en Galicia, pero é moi característica das devesas de aciñeira do suroeste ibérico. Antes pensábase que unha especie similar de China era a mesma, mostrando entón unha estraña distribución mundial, cunha poboación en Iberia e outra no Extremo Oriente. Hoxe en día os datos xenéticos mostran que o rabilongo ibérico e o chinés son especies diferentes.
En galego foi proposta como denominación pega azul, tomado do nome port. pega azul, de base galaicoportuguesa, voz talvez de orixe libresca. Recentemente a lista de nomes de aves lusa foi reformada dando preferencia á voz charneco, que é usada popularmente en Portugal para a especie. En galego charneco é citado como nome de Anas crecca na lagoa de Budiño. A palabra charneco podería referirse a un "individuo charlador". O charneco galego podería deberse aos reclamos de Anas crecca ou ben é variante de marreco/a, voz popular luso-brasileira de varios patos pequenos.
A pega común Pica pica é chamada pega rabilonga en bastantes lugares de Galicia e rabolongo en poucos lugares. Rabilongo foi citada como nome de Cyanopica perto de Lisboa (Portugal) polo ornitólogo William Tait. Que nome gusta máis aos lectores do blog para Cyanopica e porqué?
Grazas

Máis aguias albelas

Rebuscando no Dicionario de dicionarios (ILG-Barrié de La Maza) atopei a forma "alvela", aplicada a "águila culebrera" en Boimente (Viveiro). A enquisa da que procede este nome foi realizada hai poucos anos, entre 1978 e os primeiros anos do século XXI. Descoñezo a data concreta da recollida. Persoalmente non creo que a identificación sexa correcta. Desde logo pode verse a aguia cobreira na zona, pero tampoco é especialmente común. Tampouco se acompaña ningunha descrición. Buteo buteo á a rapaz máis común na zona.

Oceanodroma castro

Segundo a información fornecida polo Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino e a UICN (Unión Internación para a Conservación da Natureza), Oceanodroma castro é unha especie de ave mariña que cría nas illas Canarias (España) e Berlengas (Portugal). Tamén está citado como reprodutor en zonas tropicais e subtropicais dos océanos Atlántico e Pacífico, como é o caso das illas de Madeira, e tamén en áreas temperadas como as illas Azores.
A Guía das Aves de Galicia de C. Pedreira e X. R. Penas Patiño indica como nome galego o de paíño chuchagraxas. A especie é moi similar a outras de paíños presentes en Galicia, polo que estimamos imposible que haxa unha distinción popular. Chupagrasas é voz que se rexistrou na tese de M. C. Ríos Panisse sobre a nomenclatura popular nos portos galegos, como nome de Hydrobates pelagicus na Ría de Vigo. Por iso, cremos que é máis recomendable o uso da denominación culta paíño de Madeira (cfr. esp. Paíño de Madeira, ing. Madeiran Storm-Petrel, port. Painho da Madeira).
O nome chupagrasas (chupagraxas en versión máis correcta) debe aplicarse a todos os paíños, xa que varias destas especies mariñas teñen o hábito de seguir os barcos, para alimentarse de descartes e restos variados. Por iso outro nome popular dos paíños é aceiteira.
Como curiosidade, dicir que o nome castelán paíño procede do galego, como comenta Francisco Bernis no libro de ornitónimos da súa autoría publicado pola Ed. Gredos.

quinta-feira, setembro 16, 2010

reiseñores, ruiseñores e rousinois

Luscinia megarrhychos é un paxaro castaño de canto melodioso, abundante en zonas de vexetación arbustiva densa no sur de Galicia, pero escaso ou ausente como reprodutor no oeste, centro e norte da comunidade. O seu canto e o costume antigo de poñelos en gaiolas dá lugar a que sexa relativamente coñecido. En castelán úsase para a especie o nome ruiseñor, procedente do provenzal rossinhol. Tamén do provenzal deriva o nome portugués rouxinol.
En galego popular a forma habitual e maioritaria é reiseñor, ás veces alternando co castelanismo ruiseñor (datos do Atlas Linguístico Galego, en prep.). A voz reiseñor tamén é coñecida no castelán de varias zonas de España, e se considera de etimoloxía popular (¿rosiñol>reiseñol>reiseñor? ou ¿ruiseñor>reiseñor?). No sur de Pontevedra e de Ourense perviven formas máis afíns ao portugués e á orixinaria provenzal, como rousinol, rouxiñol e rexinol. No sur de Lugo teño oído tamén reiseñol. Na literatura recente, desde principios do sec. XX pode verse tanto rousinol como reiseñor.

terça-feira, setembro 07, 2010

rabolongos e subeliños

Aegithalos caudatus é un paxariño forestal de cores cincentas, negras e rosadas, bastante común en bosques densos e matogueiras altas, que se deixa ver tamén en pumares e bosques de ribeira.
Coñezo tres nomes populares da especie. Un é rabolongo, que se cita no libro Antela. A memoria asulagada, de X. L Martínez Caneiro, outro é rabo de culler, rexistrado no concello de Ames (A Coruña) por F. López e outros autores nun traballo publicado na revista Verba, e finalmente subeliño, que aparece na obra Etnografía Mindoniense, de Eduardo Lence Santar.
Todos fan referencia á súa cola longa, moi útil para identificalos. Na lingua culta úsase ferreiriño rabilongo e ferreiriño subeliño, transmitindo desta maneira as denominacións populares. A ave, aínda que non é da familia dos ferreiriños, lembra a estes polo hábito de buscar comida entre as pólas, inspeccionando inquietamente ata o último recanto das fragas.

quarta-feira, setembro 01, 2010

grallas e choias

Corvus monedula e Pyrrhocorax pyrrhocorax son dous córvidos igualmente negros pero de aparencia diferente. O primeiro ten a caluga cincenta e pequeno tamaño, mentres o segundo mostra un longo bico vermello en case todas as etapas da vida (alaranxado cando novos).

Ambas as especies teñen, porén, un trazo común: unhas sonoras voces similares a un brusco "choahh", "chiahh" ou "chiakk". Non debe estrañar que popularmente intercambien nomes. Nas Arribas do Douro, segundo un artigo aparecido na revista portuguesa A Pardela, da Sociedade Portuguesa para o Estudo das Aves, Pyrrhocorax é coñecida por tchóia. No Bierzo, El Páramo Leonés, La Maragatería e A Cabreira (León) choya é nome para Corvus monedula, de acordo co estudio La graja en la provincia de León, do grupo GIA-León.

En Galicia tense rexistrado choia para as dúas especies, pero é indiscutible que no oriente galego (Courel, Macizo Central) pode verse toponimia referida a esta forma en áreas típicas de Pyrrhocorax (Cova das Choias, etc.).Unha outra denominación para esta ave é gralla, que teño oído na Costa da Morte (Muxía) e que coincide co nome estándar portugués. No galego preferiuse desde hai xa algún tempo o uso de choia, que permite individualizar o xénero Pyrrhocorax e separalo das outras grallas.
Dito todo o anterior o único nome popular que coñezo para Corvus monedula en Galicia é choíña. Aparece citada na provincia de Ourense no Dicionario de dicionarios, do ILG-Fundación Barrié de la Maza (recompilación de Antón Santamarina).
Na linguaxe culta en galego úsanse gralla pequena e gralla cereixeira. Da segunda descoñezo por completo a orixe, só sabendo que cereixeiro é aplicado en ocasións a Oriolus oriolus, fantástica ave colorida tamén chamada vichelocrego ou ouriolo.
Gralla pequena é unha creación recente, creo que ben descritiva da especie, e en certo modo "tradución" do castelán grajilla. En Portugal chámase gralha-de-nuca-cinzenta. En español Corvus monedula tamén foi coñecida como chova (en todo caso esta última voz triunfou para denominar Pyrrhocorax). Outro nome español para Corvus monedula é grajeta, que aparece en obras do egrexio escritor Miguel Delibes, falecido este ano 2010.

domingo, agosto 22, 2010

aguias albelas e cobreiras

Circaetus gallicus é unha ave de rapina que frecuenta espazos abertos, onde acostuma cazar réptiles, de aí que un dos seus nomes galegos técnicos sexa aguia cobreira. Cobreira procede do portugués águia-cobreira. Pensamos que a voz portuguesa é adaptación do castelán águila culebrera, que á súa vez podería ser adaptación da variante inglesa snake eagle. Dicimos isto, porque Francisco Bernis, autor da lista española de nomes de aves, non cita águila culebrera como nome popular no seu libro de ornitónimos, senón outras como águila blanca e águila lagartera. Comenta Bernis que culebrera se rexistra en libros de caza, o que explica en certa maneira que en traballos sobre a fala da Galicia oriental se citen nomes como "culabrela", antes de realizarse a propia lista de Bernis. Talvez dos libros pasou á fala, o que é coherente con esta forma alterada, en condicións de alfabetización deficientes.
E aguia albela? Ben, a única referencia que atopamos no Dicionario de dicionarios é a voz albela, que rexistra o ilustrado Padre Sobreira, no séc. XVIII en Ribadavia, con esta descrición:
"es el milano de color pardo claro, tamaño como un gallo, y que concurre a donde lavan tripas. Parece ser el buzaco de este país y otros". É preciso comentar que buzaco é nome galego berciano de Buteo buteo, rexistrado polo Padre Sarmiento na mesma época (citado por F. Bernis). Non vemos pois que poida aplicarse a Circaetus gallicus, nin sequera nun exercicio de imaxinación. Esta voz recollida en Ribadavia pasou a varios dicionarios galegos posteriores, coa acepción esperada de "milano". Iso si, hai que recoñecer que lle acaería moi ben a Circaetus gallicus, pois albelo é alguén ou algo branco ou con pelo branco. Si, pero non. Eppur si muove.