O nome galegoportugués pardela, transferido tamén ao castelán culto e
popular, ten unha ampla distribución como vernáculo
en Galicia. O nome furabucho é menos coñecido, citándose en
Caión, Camariñas, Laxe, Noia, Portosín, Muros e Ézaro, polo menos [1]. Tamén é utilizado na lingua estándar de Portugal e Brasil, baixo a forma fura-buxo e fura-bucho. Non dispomos de datos concretos sobre a identificación
das diferentes especies no galego popular, pero nas listas técnicas furabuchos foi iniciamente reservado
para Puffinus mauretanicus e especies
similares. En Portugal fura-bucho
úsase para P. mauretanicus, P. puffinus e yelkouan, sendo o modelo que nos parece recomendable para o
galego común. En Brasil fura-buxo ou fura-bucho aplícase a Pterodroma, Puffinus e outras aves
mariñas afíns, pero outros nomes parecen ter maior uso estándar recente, por exemplo bobo para Puffinus. Como conclusión, e de acordo coa tradición recente en
galego consideramos pardela como a voz
xeral, e furabuchos a forma particular para Puffinus puffinus, Puffinus mauretanicus e
Puffinus yelkouan.
Coñecemos os seguintes nomes populares para as pardelas en Galicia, da obra de M. C. Ríos Panisse:curricacho, curuxó, pardela, furabocho, furabochos, furabuchos, sanmartín (nome de morfoloxía castelá), taralou e torolou. Creo que curoxó, taralou e curricacho poden ser onomatopeicos, polo menos de Puffinus gravis.
Francisco Bernis citou tamén popularmente en Galicia pichoneta para Puffinus mauretanicus/puffinus e nós rexistramos tamén martina (nome con certeza de orixe vasca en galego, pois é forma usada en certos portos guipuscoanos, á vez que o sufixo -ina delata a orixe externa).
[1] Ríos
Panisse, M. del C. (1983). Nomenclatura de la fauna y flora marítimas de
Galicia.II. Mamíferos, aves y algas. Verba,
Anexo 19.
Sem comentários:
Enviar um comentário