segunda-feira, janeiro 27, 2014

o miñato



O miñato (Buteo buteo) é unha das aves de rapina máis comúns en Galicia. Adáptase bastante ben á presenza humana e gosta de mosaicos agrícolas xunto a bosques, o que explica esta abundancia. O nome máis frecuente nas falas galegas é miñato, que se corresponde tamén cun importante uso literario. 

Cara o suroeste de Galicia esta voz dá paso a miñoto, que se usa, ou debeu de usar tamén, no Norte de Portugal para esta ave, xa que podemos atopar topónimos como Minhoteiras en varios lugares do Minho e Douro Litoral. Na provincia de Ourense úsase mioto, no sur de Lugo miato e na franxa  máis norteña de Galicia xorden outros nomes que dan variedade ás denominacións desta especie en terras galegas, como por exemplo buxato e bexato, formas bastante difundidas no Norte da Coruña e Lugo. Outras voces utilizadas no Norte lugués e na Asturias de fala galega son miango, milango, bexato, lamego, lamagueiro e creo que lamote (asociado nalgúns dicionarios ao lagarteiro, unha rapaz de menor tamaño). Outros nomes rexistrados en Galicia para a especie son gueimoto, buzaco, biñoto, bellanco, milán, meñanco e acieiro. Eventualmente tamén pode usarse a voz castelá rapiña ou ave de rapiña (por rapina, ave de rapina). 

Na lingua escrita, porén, domina con claridade a voz  miñato, xa desde o sec. XIX. Todos estes datos proceden de información inédita de Atlas Lingüístico Galego (en preparación), do Tesouro Informatizado da Lingua Galega e do Dicionario de dicionarios, magna obra esta última que pode consultarse on-line, ao igual có Tesouro. Nós quixemos simplemente resumir e facer máis visibles estes datos.

domingo, janeiro 26, 2014

polbos

Localidades de Galicia onde a finais do séc. XX se rexistra como forma usada polos pescadores a voz "polbo" para o cefalópodo Octopus vulgaris, de acordo coa tese de M. del Carmen Ríos Panisse: "Nomenclatura de la Flora y Fauna Marítima de Galicia": A Guarda, Panxón, Bouzas, Cesantes, Cangas, Bueu, Mogor,  Portonovo, O Grove, Cambados, Vilanova de Arousa, Illa de Arousa, Escarabote, Ribeira, Portosín, Abelleira, Muros, Lira, Ézaro,  Sardiñeira.

o paporrubio

Así como hai aves das que se descoñece a súa denominación popular en galego, doutras temos unha "fotografía" case perfecta dos nomes usados. É o caso do paporrubio (Eritacus rubecula).

A voz tradicional máis frecuente en galego é paporrubio, presente ás veces baixo a forma de variantes como paporroibo, paporrubo, paparrubia e paporroi. Paporrubio é denominación ben coñecida na metade oriental de Galicia e en bastantes lugares do centro.  Está ademais moi ben representada nos usos literarios modernos. Óense tamén popularmente outros nomes semanticamente relacionados, como papoamarelo, papocolorado, paparrugo, paparulo, paparrugo, pasparrollo, papiño rubio, papín colorado e paporroxo.

Na maior parte da provincia da Coruña, utilízase, no entanto, peizoque (con variantes como peizoco, pinzoco e outras afíns).

Porén , no oeste de Ourense e sur de Pontevedra a denominación presente é pisco, común á portuguesa estándar, e tamén presente nos usos literarios galegos.

Finalmente existen unha serie de nomes de difusión menor que non gardarían relación cos anteriores, tales como paxarín, papiago, párdola, reixo, sorrego, pimenteira, pericacha, chisca, peicacha, porco de rei, perreira e tarroeco, dispersos por toda Galicia.

A maior parte destas voces foron analizadas no interesante traballo de Rosario Álvarez "Os nomes galegos do Erithacus rubecula", publicado nun encontro de dialectoloxía nas Illas Azores (Portugal), e baseado nas enquisas do Atlas Lingüístico Galego e nos traballos de Xosé Ramón Patiño e Carlos Pedreira, aparecidos hai xa anos na revista Verba.



quarta-feira, dezembro 11, 2013

acivos e aceviños


Neste mes de decembro o acivo está en plena frutificación no noroeste ibérico, mostrando unha bela e colorida imaxe nos días invernais. En Galicia alternan formas con "r" e sen "r" para denominalo. No centro de Galicia a voz máis común é acivro (ás veces acivo), mentres que no occidente e no oriente é máis frecuente acevro (ás veces acevo). Nas montañas orientais aparece tamén a forma xardón, que no Bierzo se aplica tamén ás aciñeiras pequenas (de xeito semellante á voz sardão de Trás-Os-Montes).

Nunhas poucas terras galegas veciñas con Portugal úsase a denominación aceviño, similar ao port. azevinho (que chegou até Canarias para designar as especies macaronésicas).

 Indo máis para o norte, na Limia, esta voz afín á portuguesa múdase para enceviño (encebiño na toponimia). Nótese que a Real Academia Galega recomenda escribir todas estas voces con "v", ao proceder do latín aquifolium, aínda que foi común o uso con "b" en todas elas.

Na lingua escrita galega foron usadas tanto acivro, como acevoacivo e aceviño, sendo acivro máis frecuente, estando ademais máis estendido popularmente en Galicia

segunda-feira, junho 17, 2013

Nomes prerromanos, escritos baixo Roma

OILAM TREBOPALA
INDI PORCOM LAEBO
COMAIAM ICONA LOIM
INNA OILAM USSEAM
TREBARUNE INDI TAUROM IFADEM [...]
REVE TRE[...]

Inscrición do Cabeço das Fraguas escrita en lusitano, idioma de orixe indoeuropea, emparentado moi probablemente con algunha lingua prerromana dos pobos galaicos. Excepto nomes de persoas e divindades creo que non se coñecen inscricións prerromanas completas, de tal extensión, en Galicia. O texto está escrito en alfabeto latino durante a ocupación romana.  Recoñecedes algún nome de animal?

terça-feira, junho 11, 2013

Testemuños de ossos portugueses

Fosilizados na toponimia, aparecen algúns ossos en Portugal, que penso que son plantígrados. Na Peneda-Gerês, en Vila Real e en Bragança aparece a forma Osso como parte de elementos xeográficos (Couto do Osso, Rio dos Ossos, Ribeira do Osso, Outeiro do Osso, Vale de Ossos), todos eles en territorios ursinos históricos. 

No sur, na zona de Castelo Branco e a Guarda (Beira Baixa e Beira Interior), onde tamén hai alvarizas (construcións para protexer o mel dos colmeares) hai varios Vale dos Ursos, ainda que tamén vemos un Muro dos Ossos. En Galicia polo contrario só vexo na toponimia osos e osas, non ursos. Aparecen osos como parte de nomes de campos, fontes, penas e outros elementos en Viveiro, A Pastoriza,  Pedrafita e Lubián, entre outros concellos. Tamén hai algún topónimo con oso no Morrazo, pero habería que ver realmente cal sería a súa orixe. Topónimos con urso tamén os hai na Madeira onde nunca viviu este animal, e poden estar motivados por exemplo en formas de rochas

Tamén hai outro grupo de topónimos con osso na zona centro de Portugal, en redor de Lisboa, que penso merecerían unha análise máis pormenorizada

http://toponimia.xunta.es/Buscador
http://www.igeoe.pt/igeoesig/

quinta-feira, junho 06, 2013

osos e ursos

Oso ou urso? Cal destas formas sería galega correcta? Ben, se imos buscar ao dicionario da Real Academia Galega a voz urso este é o resultado: "este termo non se encontra no dicionario". Ora ben isto non significa que urso non poida ser considerada palabra galega.  Ou polo menos con "certo carácter galego". Digo isto porque nas enquisas do Atlas Linguístico Galego (en prep.) aparece urso na Baixa Limia e nalgún punto do sur de Pontevedra. 

Urso veu do portugués por vía popular? ou xa se produciu esa relatinización no galego medieval? A situación dos rexistros de urso, non lonxe de Portugal ou en zonas con emigracion histórica a terras lusas puidera ser indicativa da primeira hipótese. Descoñezo ademais a existencia de ursos medievais en textos galegos antigos, atopándose ossos, ossas e ussas no Dicionario de dicionarios do galego medieval,  formas que perviven na toponimia portuguesa.

 No texto sobre a distribución histórica do oso en Portugal de Francisco Álvares e José Domingues
(www.altotejo.org/acafa/docsn3/O_Urso_em_Portugal.pdf)  móstranse os indicios de presenza da especie e dita pervivencia nos nomes de lugar. Suxerentemente urso parece máis común no sur do país veciño e as citas de osso plausibles de pertencer a ursos son case fronteirizas ou norteñas en boa parte. Sería precisa, en calquera caso, unha análise máis detallada (www.igeoe.pt/igeoesig/).

É necesario anotar que un elemento que debeu precipitar o establecemento do nome urso é a equivalencia, polo menos no portugués estándar europeo, das pronuncias de osso (óso) e osso (urso).

Na toponimia galega, no entanto, só atopamos oso e osa no oriente, nos últimos redutos históricos da especie.

Na literatura en lingua galega moderna urso é unha denominación ben documentada e usada con algunha frecuencia. Ora ben, a forma popular nas zonas actuais de distribución da especie en Galicia é oso, da que dificilmente se pode probar a orixe foránea: é a voz común co asturleonés tradicional e continuadora do osso medieval.

quarta-feira, maio 08, 2013

Voitres e abutres

Normalmente tendemos a pensar que a lingua culta reflecte as formas máis comúns do idioma, e que este se desagrega en variedades locais, pero o proceso é realmente o inverso. A partir de variedades locais selecciónase, por diferentes motivos, unha forma que se impón, por medio do sistema educativo ou a literatura ao resto do dominio lingüístico. O proceso de formación do estándar non foi igual en todas as linguas. Algunhas como o francés acolleron moito vocabulario latino ou creado a partir de palabras latinas (é dicir, non eran formas populares, pero hoxe foron popularizadas).

No galego, cada vez que reviso máis e máis nomes vexo que tamén houbo unha clara construción histórica, sen ter en conta estritamente os usos populares maioritarios. Isto é o normal e esperable, porque só recentemente se obtivo unha "fotografía· completa dos usos populares da lingua, e é, alén diso, o proceso normal nas linguas europeas máis difundidas.

En galego hai que acrecentar a influencia do castelán, co que o panorama se fai máis complexo. Porén todo é ben máis simple, se entendemos os procesos. Tomemos o nome voitre ou abutre. En galego medieval podemos atopar vóytor, voutre, vúytere, búitere.  Hoxe en día popularmente o maioritario é buitre (en zonas onde moito é muito, pode ser a forma xenuína), pero no resto buitre vén do castelán. En varios puntos da provincia de Lugo (montañas do Xistral, O Incio) parecen pervivir popularmente voitre, vóítera e vroite, mentres que no sur de Pontevedra, A Limia, Valdeorras e O Bierzo atópase butre no Atlas Lingüístico Galego, voz que por outro lado é semellante ao portugués abutre e idéntica ao castelán popular butre. Voutre é testemuñal, aparece nun só punto, dos cento e pico do Atlas.

Na literatura moderna, porén, domina abutre (datos do TILGA, Tesouro Informatizado da Lingua Galega, corrixido como avutre nesta fonte), tomando o exemplo do portugués estándar. Cabe dicir que no propio portugués unha das formas antigas é bruite, rexistrada na Peneda-Xurés. A Real Academia Galega rescatou recentemente o nome voitre e o elevou a nome estándar proposto. Complicado? eu creo que non. Que forma lle gusta máis ao lector voitre ou abutre?

domingo, abril 07, 2013

Lavandeiras e cabaliños do demos

Un interesante artigo, da autoría do filólogo Xosé Afonso Álvarez, compara as denominacións populares dos odonatos e da lavandeiras (Motacilla) en Galicia e Portugal. Podes ver aquí o resultado

http://www.geolinguistica.org/artigos/cilpr26/

 Os mapas están resumidos (as palabras indican as conexións semánticas, de significado, por exemplo, con ollo está conectada a denominación tira-olho, xeral a nivel popular en Portugal).


segunda-feira, janeiro 07, 2013

pardelas e furabuchos

O nome galegoportugués pardela, transferido tamén ao castelán culto e popular, ten unha ampla distribución como vernáculo en Galicia. O nome furabucho é menos coñecido,  citándose en Caión, Camariñas, Laxe, Noia, Portosín, Muros e Ézaro, polo menos [1]. Tamén é utilizado na lingua estándar de Portugal e Brasil, baixo a forma fura-buxo e fura-bucho. Non dispomos de datos concretos sobre a identificación das diferentes especies no galego popular, pero nas listas técnicas furabuchos foi iniciamente reservado para Puffinus mauretanicus e especies similares. En Portugal fura-bucho úsase para P. mauretanicus, P. puffinus e yelkouan, sendo o modelo que nos parece recomendable para o galego común. En Brasil fura-buxo ou fura-bucho aplícase a Pterodroma, Puffinus e outras aves mariñas afíns, pero outros nomes parecen ter maior uso estándar  recente, por exemplo bobo para Puffinus. Como conclusión, e de acordo coa tradición recente en galego consideramos pardela como a voz xeral, e furabuchos a forma particular para Puffinus puffinus, Puffinus mauretanicus e Puffinus yelkouan.  


Coñecemos os seguintes nomes populares para as pardelas en Galicia, da obra de M. C. Ríos Panisse:curricacho, curuxó, pardela, furabocho, furabochos, furabuchos, sanmartín (nome de morfoloxía castelá), taralou e torolou. Creo que curoxó, taralou e curricacho poden ser  onomatopeicos, polo menos de Puffinus gravis.

Francisco Bernis citou tamén popularmente en Galicia pichoneta para Puffinus mauretanicus/puffinus e nós rexistramos tamén martina (nome con certeza de orixe vasca en galego, pois é forma usada en certos portos guipuscoanos, á vez que o sufixo -ina delata a orixe externa).

Porén, hai escasos datos sobre adscricións específicas. Agradecemos pois comentarios sobre nomes, lugares e especies. A foto correspóndense cunha pardela cincenta (Calonectris diomedea) fotografada arredor das illas Baleares.



[1] Ríos Panisse, M. del C. (1983). Nomenclatura de la fauna y flora marítimas de Galicia.II. Mamíferos, aves y algas. Verba, Anexo 19.

segunda-feira, novembro 26, 2012

albatros





O nome galego albatros procede do castelán albatros, á súa vez probablemente do ingl. albatross, e este do portugués albatroz (talvez unha das formas de dicir “mascato” en portugués popular como suxire algún nome que recollemos de pescadores, como  albatróis). O dicionario on-line da RAE, curiosamente,  di que albatros vén do inglés albatross e este do español alcatraz.  O portugués culto albatroz (pronunciado albatrós) é sinónimo de albatros. Se entrar na discusión destas etimoloxías hipotéticas, albatros é a forma usada nas dúas listas de aves galegas usadas ata o momento, polo que é razoable considerala como forma estándar no galego común actual. Na proposta reintegracionista, obviamente, debería preferirse albatroz Albatros non aparece no diccionario on-line da Real Academia Galega[1], pero si noutros diccionarios, como o Xerais[2]. A imaxe mostra un grupo de albatros olleirudos ou de cella negra (Thalassarche melanophris),  alimentándose de descartes de  pesca perto das colonias nidificantes da especie das illas Malvinas.


[1] Diccionario da Real Academia Galega. Consultado o 20.11.2012 en www.realacademiagalega.org
[2] Carballeira, X.M, Ares, C., Iglesias, P., Lema X. M. e López, R. (2004). Diccionario Xerais da Lingua. Ed. Xerais de Galicia, Vigo.

sábado, setembro 29, 2012

sobre dicionarios

Saiu recentemente un dicionario relacionado co medio natural en galego: o "Vocabulario Forestal". É un glosario multilingüe (galego-castelán-inglés) de termos forestais, publicado pola Universidade de Santiago de Compostela, no que se inclúen, como era de esperar, entre outras moitas voces,  nomes de árbores utilizados en repoboacións forestais. Outro dicionario, que xa ten un tempo, é o novo dicionario on-line da Real Academia Galega, con moitas máis entradas cós anteriores e coa pronuncia das palabras adxunta. Inclúe algúns nomes de aves de uso en ornitoloxía, aínda que non sexan estritamente de orixe popular, por exemplo carriza dos xuncos, para Cisticola juncidis. Suponse pois, que a Academia avala esas escollas.

domingo, agosto 19, 2012

capudres e cancereixos

Confeso publicamente unha certa fixación cos ambientes naturais fríos e frescos. As miñas dúas árbores preferidas son o bidueiro (Betula alba) e o capudre (Sorbus aucuparia), que son frecuentes nas zonas máis altas e frías da Galiza. O Sorbus aucuparia  ten nomes diferentes en galego e en portugués. En Portugal é moi escaso, sendo denominado nos libros tramazeira ou, menos habitualmente, cornogodinho.

Procurei os nomes da especie en Galiza e atopei en internet a interesante publicación "Fitotoponia Galega" de Gonzalo Navaza, que pode baixarse da rede libremente (ao día de hoxe). Nela figuran os seguintes nomes da especie: cancereixo, cornabude, capudre (capudrio), escornacabras e escornabois, recollidas polo crego ilustrado Padre Sarmiento. A este acrecentamos carnabudo, recollido polo etnobotánico Emilio Blanco na súa tese sobre os usos tradicionais das plantas do Courel (Lugo).  Tamén se recolle no libro de Navaza sorbeira, pero de acordo coa descrición dos dicionarios debe ser nome en Galiza dunha especie de groselleiro (Ribes sp). e non do Sorbus.
De todos estes nomes o que máis fortuna tivo na lingua escrita galega foi capudre, variante característica, polo menos, dos Ancares lucenses. Capudre debe usarse tamén en área asturleonesas próximas, pois téñoo visto en folletos sobre Laciana (comarca onde se sitúa Villablino) e no dicionario asturiano on-line do xornal La Nueva España aparece caputre como voz  usada no "Occidente". En varios concellos asturianos aparecen ademais voces similares (capudu, capurrio, capudru).



:

terça-feira, novembro 29, 2011

Circus aeruginosus

Circus aeruginosus "Circus aeruginosus" é unha ave de rapina moi descoñecida na nomenclatura popular ibérica. Boa parte todos os seus nomes son de raíz culta ou ben son adaptacións de nomes populares para outras especies. É o caso do esp. aguilucho, que designa sobre todo á cría da aguia e rapaces pequenas. Hoxe en día úsase na linguaxe dos ornitólogos e talvez chegou ao uso xeral, pero non creo que se empregase xeralmente de forma distintiva para os "Circus".

Francisco Bernis recolle varios nomes no castelán para Circus, como tahorma, águila liebrera, cenizo, ceniciento, esparvero grande e varios na Comunidade Valenciana, como pilotero, aguilucho e arpella. En portugués a forma priorizada hoxe é águia-sapeira, supostamente forma popular para "Circus aeruginosus".

Arpella é voz que debe proceder en galego do español, e pensamos que non tén ningunha tradición popular. Debeu de ser recollida de dicionarios galegos antigos. Facemos notar que o proceso de elaboración destes dicionarios foi moi irregular, con limitados apoios económicos, procedentes sobre todo da emigración americana e con nulo apoio instititucional en Galicia, con lingüístas traballando na primeira metade do sex. XX nun ambiente político convulso. Por pór un exemplo algúns editores, dedicados tamén á política, foron fusilados e un dos mellores lexicógrafos da época, Aníbal Otero, que nunca se dedicou á política foi encarcerado e condenado a morte por ter transcricións fonéticas de enquisas do Atlas Lingüístico da Península Ibérica, que a policía dos reximes portugués e español da época xulgaban material de espionaxe, alucinante, pero certo. Afortunadamente a sentencia foi anulada

Hoxe en día 2011 os únicos dicionarios galegos completos son igualmente de iniciativa privada, e, afortunadamente de boa calidade. O único deles que tén acceso on-line libre é o Dicionario Estraviz. Descoñezo se en español "arpella" vén do catalán, onde tamén se utiliza, pero do seu uso castelán para "Circus aeruginosus" dan fe os rexistros nos dicionarios españois coetáneos daqueles galegos de principios do XX (consultables no Nuevo Tesoro Lexicográfico de la Lengua Española). Por todo isto en galego recorreuse á voz tartaraña para os Circus, tan xenérica como a voz aguilucho, pero polo menos afín ao portugués tartaranhão. Tartaranha é tamén voz medieval galego-portuguesa.
Finalmente os epítetos castelán "lagunero" e o galego e "das xunqueiras" son voces de procedencia culta, resultado da adaptacións dos nomes francés e inglés. No caso do galego tamén se atendeu á variante "tartaranhão-ruivo-dos-paúis", unha forma culta portuguesa, sendo paúl un pantano

quarta-feira, novembro 02, 2011

Dicionario de Bioloxía


A partir de agora faremos referencia a publicacións que poden ser de interese para a temática que interesa ao blog. Así, por exemplo, no ano 2010 a Xunta de Galicia publicou un Dicionario de Bioloxía galego-castelán-inglés,de 220 páxinas e un prezo aproximado de 8 EUR.
Desde o punto de vista reintegracionista publicouse no 2011 Manual de Galego Científico, de Carlos Garrido e Carles Riera, editora AGAL, completo libro de 600 páxinas, con prezo arredor dos 33 EUR. Aínda non tiven ocasión de ver ningunha destas obras, que serán oportunamente comentadas no blog.

domingo, outubro 23, 2011

xenetas, xinetas e algarias

Comezo logo outra xeira neste meu blog, tratando dos nomes dalgúns animais.
A xeneta é un mamífero carnívoro de tamaño mediano e de cor cincenta con pintas negras. A cola tamén é gris, con aneis negros moi característicos, que axudan á súa identificación. Crese que foi introducida polos árabes durante a súa ocupación da Península Ibérica, co fin de perseguir os ratos nas casas e rueiros, xa que non se encontrou a especie ata agora no rexistro fósil.
O nome popular máis frecuente para a especie parece ser xineta e xeneta, usado de forma dispersa por Galicia. O Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (RAG-ILG, 2004) prefire xeneta . Tense usado na lingua escrita tamén a voz algaria, que oe tamén popularmente por Ourense, sen dúbida relacionada coa denominación gato de algalia usada hai algún tempo no castelán para designar algúns vivérridos asiáticos (a xeneta é da familia Viverridae, un grupo de mamíferos carnívoros). A algalia, voz de orixe árabe, é unha substancia olorosa usada como base de perfumes, que se obtén a partir dunhas bolsas que teñen algúns vivérridos perto do ano.
Outros nomes para a xeneta son rabisaco e rabixo. Descoñezo se a voz furatoxos, tamén citada en Galicia, é nome para a garduña, outro carnívoro, ou para a xeneta.

quarta-feira, dezembro 15, 2010

espadanas

A páxina web http://www.anthos.es/, sobre as plantas de España, sinala os seguintes nomes galegos para a especie de planta palustre Typha latifolia: anea, baión, caba dos bofardos, espadaina, espadana, palla pipa, palla real e tufa.
Contrastando estes datos co Dicionario de dicionarios (ILG-Fund. Barrie de la Maza) parécenos que anea non é forma propia do galego (só aparece en dicionarios antigos, sendo voz de probable orixe castelá e sen uso popular). Sobre baión non nos pronunciamos, aínda que figura tamén en dicionarios vellos. Caba do bofardos debe ser, con claridade, erro por cana dos bofardos. Bofardo, bufardo, bufo ou búfano é nome da inflorescencia cilíndrica da planta, moi grande e rechamante. Palla pipa foi nome popular en galego (os bufardos utilizábanse como instrumento de limpeza)।
Sobre palla real e tufa non sabemos nada na actualidade, se ben tufa foi citada como nome hai xa tempo, e sobre espadana sabemos que é o nome habitual en galego para Typha latifolia.
Algúns dicionaristas teñen indicado que en Betanzos se chama espadana tamén aos lirios amarelos (Iris pseudacorus). Nada raro nisto, os de Betanzos semellan ser xente razoable, pois a folla lembra moito á da Typha latifolia, pero non sei a canta xente lle preguntarían.
Espadana-de-água é ademais, nome "estándar" portugués de Sparganium, outra plantiña palustre cunha folla similar. Neste caso os nosos irmáns lusos parecen ser tamén xente asisada. A folla é como a dunha espadana pero máis fina. É máis, espadana ven citado como outro nome portugués de Typha na citada páxina web।
Do nome portugués tabua (pronunciado tabúa), nin rastro nas comunidades autónomas españolas onde se formou a lingua galega (Galicia, Asturias e Castilla y León). Non parece terse usado nunca.

quarta-feira, dezembro 01, 2010

linguas en internet

De acordo cun artigo en formato .pdf recentemente colocado na rede no xornal "El País", elaborado por Cipriano Quirós Romero ("El español y la sociedad de la información"), en 2007 estes eran as estatísticas de uso dos idiomas en porcentaxe de páxinas web no mundo.

Inglés: 37%
Alemán: 6%
Español:4%
Francés: 4%
Italiano: 3%
Portugués: 1%
Resto dos idiomas: 45% (ruso, chinés, etc., etc.)

Como Google identifica o galego como portugués, supoño que esta páxina figura dentro dese modesto 1%. Realmente non me esperaba eses datos e sorprende a elevada porcentaxe dunha lingua case exclusivamente europea como o alemán. Sorprende tamén o descenso da primacía do inglés en relación con datos de anos anteriores.

estevas e xaras

Cistus ladanifer é o nome científico dun arbusto de follas pegañentas e aromáticas moi característico das áreas de clima mediterráneo do oeste e suroeste ibérico. En galego é coñecido co nome esteva (ou esteba) para denominalo alí onde está presente de forma natural, como por exemplo, Valdeorras, comarca de Verín e Viana do Bolo. Esta información figura no Dicionario de dicionarios (ILG-Fund. Barrié De la Maza).

No Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega, porén, figura estepa, esquecéndose da forma popular referida anteriormente, que ademais é común co portugués esteva. Creo que aparece estepa neste Vocabulario porque foi citada tamén polo lexicógrafo Aníbal Otero nalgún punto de Galicia.  Estepa  é tamén un dos diversos nomes da planta en español. En Galicia óese moito máis escasa a voz xara, e curiosamente, sobre todo en zonas onde non hai Cistus ladanifer, senón outros arbustiños do xénero. Sobre se esteva é con v ou con b, non sabemos o que opina a Real Academia (Galega), pero en galego hoxe en día vese máis con v.

domingo, novembro 14, 2010

rabos, colas e caudas

A prolongación posterior do corpo das aves denomínase rabo no rexistro popular de portugués, galego e castelán, aínda que nas dúas primeiras variedades sexa probablemente máis común. A voz cola, idéntica á castelá é aceptada pola RAG e aparece xa nalgún texto medieval en galego. Esta forma, porén, non forma parte do estándar portugués, rexistro en que o rabo das aves é chamado cauda, voz de orixe culta, aínda que se cite cola nos dicionarios. Con certeza cola ten unha evolución un pouco rara, xa que non é forma esperable a partir do latín cauda. A lingua non é matemática e as interferencias históricas entre galego e castelán, portugués e castelán, son frecuentes e en ocasións, antigas.